
O pasado 19 de xuño celebrouse na Coruña o coloquio radiofónico “Construíndo cidades que coidan… dos máis vulnerables”, un encontro con público promovido pola Rede de Medios Comunitarios (ReMC) en colaboración con CUAC FM, que reuniu a especialistas no terceiro sector, e expertos en saúde, socioloxía, arquitectura e urbanismo, ou educación e comunicación social, que reflexionaron sobre como construír cidades máis xustas, sostibles e inclusivas, con especial atención ás persoas máis vulnerables.
O coloquio tivo lugar no Espazo O Cubo, no edificio Normal do Campus de Riazor, e estivo conducido pola Doutora en Educación, e membro de CUAC FM, Isabel Lema Blanco . As intervencións puxeron no centro a necesidade de repensar a contorna urbana desde unha perspectiva de coidado, con especial atención ás persoas máis vulnerables.
O coloquio xa está dispoñíbel en vídeo, como parte do proxecto “ONDA ODS” dirixidos a un público constituido por comunicadores/as, integrantes do tecido asociativo e ciudadanía en xeral, co objecto de profundizar en elementos clave da Agenda 2030 dende un prisma local e que se emitirán en radio, televisión e redes sociais, chegando a unha audiencia estimada de 2,51 millóns de oíntes. Onda ODS é un proxecto financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030.
Durante o coloquio sucedéronse intervencións de alto nivel, articuladas arredor da necesidade de transformar a contorna urbana en espazos que promovan o benestar, a equidade e o compromiso social:
- Xosé Artur Cuns Traba, empresario social e director da EAPN Galicia (Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social), achegou unha ollada crítica sobre os retos estruturais que perpetúan a desigualdade urbana, subliñando o papel das redes comunitarias na construción dunha cidade máis xusta.
- Beatriz Piñeiro Lago, doutora en Medicina e responsábel das comisións de Medio Ambiente, Sustentabilidade, Saúde e Asuntos Sociais para España da European Union Women (EUW), expuxo a súa experiencia en medicina preventiva e saúde pública, así como o seu labor como coordinadora da Estratexia de Economía Circular do SERGAS, destacando a intersección entre saúde, sustentabilidade e innovación.
- Nieves Rodríguez Brisaboa, catedrática do Departamento de Computación da Universidade da Coruña (UDC) e presidenta da Asociación LARLILAS, compartiu o seu traballo arredor dun modelo alternativo de envellecemento activo, baseado na autoxestión, o uso da tecnoloxía e a construción de comunidades máis resilientes.
- Laura Oso Casas, catedrática de Socioloxía na UDC e subdirectora do CISPAC (Centro Interuniversitario de Investigación sobre Paisaxes Culturais Atlánticas), abordou os vínculos entre migración, xénero e cidade, subliñando a importancia de enfoques interseccionais nas políticas urbanas.
- Cristina García Fontán, doutora e profesora de Arquitectura na UDC, centrou a súa intervención nas solucións baseadas na natureza e no deseño participativo, vinculadas ao marco da Nova Bauhaus Europea, propoñendo un hábitat urbano máis humano, verde e accesíbel.
- Cristina Botana Iglesias, doutora en Arquitectura e Urbanismo e investigadora posdoutoral na Universidade de Santiago de Compostela (USC), afondou no urbanismo feminista e no dereito á cidade, sinalando as barreiras estruturais que afectan ao acceso a unha vivenda digna e ao espazo urbano por parte de colectivos vulnerábeis.
- Xosé Gabriel Vázquez Fernández, psicólogo social e doutor en Socioloxía, pechou o coloquio cunha reflexión sobre o papel da subxectividade e o territorio na sustentabilidade urbana, presentando o Atlas Urbano da Sustentabilidade en Galicia (2025) e evocando elementos da súa obra galardoada Guía existencial para (el) ser humano, Premio Internacional de Ensaio Diderot 2019.
VÍDEO ÍNTEGRO DO COLOQUIO RADIOFÓNICO “CONSTRUÍNDO CIDADES QUE COIDAN… DOS MÁIS VULNERABLES”
ENTREVISTAS EN PROFUNDIDADE
Entrevista a Xosé Artur Cuns Traba, empresario social, director de EAPN (European Anti Poverty Network) en Galicia.
Entrevista con Cristina García Fontán, doutora, profesora de Arquitectura na Universidade da Coruña. É experta en hábitat urbano (“Nova Bauhaus”), solucións baseadas na natureza e deseño de espazos urbanos cunha perspectiva social e participativa.
Entrevista con Nieves Rodríguez Brisaboa, profesora do Departamento de Informática da Facultade de Informática da Universidade da Coruña. Gañadora do Premio Ángela Ruiz Robles en Informática (2019), é presidenta da Asociación LarLilás, que promove un novo modelo de envellecemento activo baseado na autoxestión.
Coloquios Onda ODS “El futuro es tuyo”
A ReMC ven promovendo en 2025 unha serie de coloquios ao longo de todo o territorio español. Así, a emisora de radio comunitaria Radio Vadivieso promoveu o debate “Lucha contra la pobreza, producción y consumo sostenibles, educación y territorio”. A decana Radio Televisión de Cardedeu promovera o relatorio “Cardedeu en transició: reptes d’un municipi que creix”. Radio Iris 7 coordinou o panel “Comunidades energéticas, inclusión social, proyectos con impacto“,en Aranda del Duero. A ReMC e Radio Guiniguada desenvolveron, no marco da Reunión Anual da ReMC, o coloquio “Construyendo Futuro desde lo Local: Infancia, Justicia y Compromiso Social”. Máis información aqui sobre o proxecto Onda ODS.