CUAC FM, a radio comunitaria da Coruña, dá comezo este martes 30 de decembro ás celebracións do seu 30 aniversario coa presentación do libro Qué bonitas son as ondas radiofónicas: 30 anos de CUAC FM, unha obra de autoría colectiva que reflicte a historia, diversidade e espírito da emisora dende a súa posta en marcha en marzo de 1996.
O acto terá lugar ás 19:00 horas no Salón de Actos do Circo de Artesáns da Coruña, con entrada gratuíta. Todas as persoas asistentes recibirán un exemplar do libro.
A publicación é froito dun convenio entre a Concellaría de Cultura e Turismo do Concello da Coruña e CUAC FM, xestionada pola asociación Colectivo de Universitarios Activos, e conta coa participación de 77 persoas que achegan textos, ilustracións e fotografías arredor da traxectoria da emisora.
O libro ábrese cun saúdo da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, que coñeceu CUAC FM na súa etapa como estudante universitaria, e inclúe tamén unha achega do reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, institución que acolle a emisora no Campus da Zapateira. Entre as colaboracións destacan nomes recoñecidos do ámbito cultural e comunicativo, como o xornalista e escritor Nacho Carretero ou Lucía Veiga, actual presidenta da Academia Galega do Audiovisual, ademais doutras moitas persoas vencelladas á radio ao longo destas tres décadas.

A portada do libro é obra de Manel Cráneo, director do festival Viñetas do Atlántico e antigo locutor da emisora nos seus anos mozos.
Tras a presentación, o libro será distribuído gratuitamente en diferentes puntos da cidade, que se anunciarán proximamente na web de CUAC FM, e tamén estará dispoñible nas bibliotecas municipais e da Universidade da Coruña.
Este acto inaugura un amplo programa de actividades co que CUAC FM celebrará os seus 30 anos de radio sen ánimo de lucro, entre as que destaca un concerto no Teatro Colón o venres 27 de marzo, data exacta do aniversario da emisora. O evento contará coas actuacións de Pedro Pastor, Silvia Penide e César de Centi, artistas vencellados á palabra e á propia historia da radio comunitaria coruñesa. As entradas sairán á venda proximamente.
Presentación do libro de CUAC FM
Se tes interese en asistir, déixanos os teus datos (as prazas son limitadas!):