CUAC FM incorpora á súa programación a emisión da campaña radiofónica “Violencias de xénero en perspectiva”, unha serie de pezas sonoras centradas na sensibilización social sobre a importancia de recoñecer as distintas formas de violencia de xénero como paso imprescindible para a súa prevención.
As pezas que conforman esta campaña foron realizadas por alumnas do curso “Xénero e Comunicación”, impartido por EMA-RTV, e abordan a violencia machista desde diferentes ámbitos e realidades, ofrecendo unha mirada crítica, diversa e comprometida coa igualdade.
A violencia de xénero maniféstase de múltiples maneiras —non só a través da violencia física— e afecta a distintos espazos da vida social, laboral, sanitaria ou comunitaria. Dar visibilidade a estas realidades, nomealas e analizalas desde a comunicación é fundamental para avanzar cara a unha sociedade máis xusta e libre de violencias. Neste sentido, o formato radiofónico convértese nunha ferramenta clave para a reflexión colectiva e a concienciación cidadá.
A campaña “Violencias de xénero en perspectiva” inclúe os seguintes contidos:
- Reportaxe “Guardianas de las rías y de la vida”, de Sonia Jiménez Romero
- Reportaxe “Esterilización forzosa, una realidad invisible sobradamente conocida”, de Nadia Otero
- Reportaxe “Partería tradicional, desterrando prácticas de violencia obstétrica”, de Belén Molina
- Reportaxe “La importancia de incluir a los hombres en programas que promuevan la equidad”, de María del Socorro Bernal
- Reportaxe “Violencia en el entorno laboral”, de Isabel Galeote
- Entrevista sobre o documental “La cuidadora”, de Alianza por la Solidaridad
- Entrevista sobre o documental “Ellas en la ciudad”
As pezas radiofónicas desta campaña emitiranse durante toda a semana do 19 ao 25 de xaneiro ao medio día, despois dos informativos.
Con esta emisión, CUAC FM reafirma o seu compromiso coa comunicación social, a igualdade de xénero e a difusión de contidos que contribúan á transformación social desde unha perspectiva crítica e feminista, dando espazo a voces novas e a proxectos formativos que empregan a radio como ferramenta de cambio.