Lembro que, cando era pequeno, os informativos do medio día eran sinónimo de CRTVG e Alfonso Hermida. Miña nai prendía a televisión e escoitabamos as novas mentres se comía. Isto foi algo que cambio nalgún momento en torno a pandemia do COVID. E non porque modificaramos as nosas costumes, se non pola desaparición do noso presentador. Tranquilos, non o secuestraron, ou si, depende como o mires, xa que a súa marcha debeuse a imposibilidade de realizar o seu traballo de forma plena e ao desgaste da loita través do movemento dos Venres Negros da CRTVG (dos cales xa van máis de 400 dende o seu inicio no 2016).
Que son os venres negros?
Non quero estenderme, mais que nada porque abaixo xa vos deixo un link ao programa onde poderedes escoitar toda a información. Porén, si podo darvos unha pequena introdución. Os venres negros son unha pequena protesta, un símbolo do descontento do persoal da CRTVG. Con eles, cada venres sacan fotos vestindo roupa de cor negra (preferentemente unha camiseta) para facer visible a súa loita contra a manipulación informativa.

CUAC FM cos Venres negros da CRTVG
Obviamente, CUAC FM estivo e está con esta loita, como non podía ser de outro modo. A información é un elemento indispensable para o funcionamento da democracia e dende a nosa emisora sempre defendemos a liberdade de expresión e a libre información en todos os nosos programas. Mais tamén entendemos que os medios de masas son os que acaparan unha maior capacidade de impacto, polo que unha CRTVG manipulada é sinónimo de desinformación.
Así, este xoves tivemos uns invitados especiais no Estrelados na Estratosfera (por si alguén o dubidara, eu son un dos integrantes deste programa, non me escondo). Raquel Lema, a líder sindical dos traballadores da CRTVG e Alfonso Hermida ese mítico presentador que vía na TV cando era pequeno xunto a miña nai.

De que falamos?
Cando tes en fronte a dous comunicadores como estes dous é difícil non poñerse nervioso, mais penso que non saimos mal parados. Incluso parece que desfrutaron da experiencia. E nese atoparse cómodos e sentirse libres, tanto Raquel como Alfonso debullaron a realidade da CRTVG e das loitas que se producen internamente para levar a cabo un programa de gran audiencia. Porque, nos, como espectadores, so vemos o resultado de un traballo extenso. Un resultado fluído e eficaz, mais o que se da de forma previa é todo o contrario.
As negociacións sobre o que se trata e o modo no que se trata, os tempos de gravación e imaxes seleccionadas eran e son un tema complexo na CRTVG. Raquel Lema e Alfonso Hermida contáronos como eran esas negociacións, como se seleccionaban os temas e os tempos e como isto resultaba demasiado dificultoso. Isto levou ao inicio dos Venres Negros na CRTVG, unha loita que continua e coa que os nosos entrevistados tiveron e teñen un vínculo forte.
Todo o contido deste venres negros na CRTVG
Con todo, pouco máis vos podo dicir salvo que a continuación déixovos diversos enlaces ao programa en cuestión no que tratamos estes Venres Negros da CRTVG cos seus protagonistas. E que se queredes escoitarnos, estamos todos os xoves as 18:00 na nosa radio favorita. Viva CUAC FM e imos a polo premio a mellor programa este ano (anúnciase tongo histórico).