CUAC FM condena o vandalismo contra a lona que denunciaba o xenocidio en Gaza e reafirma o seu compromiso coa liberdade de expresión

A emisora comunitaria CUAC FM quere expresar a súa máis firme condena ante o acto vandálico cometido esta semana contra a lona situada na entrada da radio, na que se rexeitaba o xenocidio en Gaza e se reproducía un texto da Convención das Nacións Unidas para a Prevención e a Sanción do Delito de Xenocidio.

En 30 anos de actividade comunicativa comunitaria a prol dos Dereitos Humanos, CUAC FM nunca sufrira un ataque físico. Para a emisora, e para a sociedade coruñesa e galega, os Dereitos Humanos e o Estado de Dereito son os límites que marcan o xogo democrático.

Imaxe da lona colocada por CUAC FM na que se rexeita o xenocidio en Gaza.
Imaxe da lona colocada por CUAC FM na que se rexeita o xenocidio en Gaza.

Desgraciadamente, alguén decidiu cortar cun arma branca a lona que penduraba na entrada das instalacións da radio, baixo a proclama “Stop ao xenocidio en Gaza” e sobre unha bandeira palestina. “Non quixemos quedarnos nun slogan”, explican desde CUAC FM.

“Tentamos cumprir o labor educador que debe ter un medio comunitario e ofrecer contido que axude a comprender os feitos, a súa cualificación xurídica e a dimensión humana da traxedia.”

Para a emisora, hai persoas que prefiren mostrar a súa disconformidade con cutters en vez de con palabras e razóns, nunha forma ruín e cativa de violencia que “fala máis de quen a exerce que de quen a padece”.

Un síntoma dun clima de intolerancia

CUAC FM considera que este ataque é un reflexo dun clima crecente de intolerancia e discursos de odio, tamén presentes nos medios de comunicación e nas redes sociais. “Cando se tenta silenciar unha mensaxe pacífica de denuncia, o que se ataca é o dereito colectivo a saber e a solidarizarse”, afirman.

A emisora lembra que os medios libres e comunitarios existen precisamente para dar voz ás persoas e causas silenciadas, e que seguirán facéndoo “a pesar das ameazas, a censura ou a intolerancia”.

O xenocidio en Gaza segundo organismos internacionais

A posición de CUAC FM baséase en informes de organismos internacionais que documentan graves violacións do Dereito Internacional Humanitario por parte de Israel. Estes informes fundamentan o contido da lona e a posición pública da emisora, que insiste en que “non se trata de opinións, senón de feitos documentados polos principais organismos internacionais”.

Compromiso coa verdade e cos dereitos humanos

“Esta acción reprobable non nos vai facer cambiar de opinión nin de posición”, sinalan desde CUAC FM.

“A violencia non é o camiño para resolver ningún conflito e tampouco servirá para nos amedrentar ou facernos renunciar á defensa dos Dereitos Humanos.”

A emisora comprométese a repoñer a lona vandalizada e a continuar traballando “para defender o civismo, a democracia e a liberdade, porque para iso estamos aquí”.

Desde CUAC FM tamén se fai un chamamento á responsabilidade mediática, instando a todos os medios e profesionais da comunicación a rexeitar os discursos de odio, promover unha información veraz e humanitaria e dar espazo á defensa dos dereitos humanos.

“Temos claro cal é o noso lado na modestísima parte da historia que nos toca ocupar, e non hai xeito de que o vandalismo nos desvíe do camiño.”

Non perdas ningunha novidade de CUAC FM. Subscríbete á nosa newsletter!

Compartir