CUAC FM comeza temporada analizando a vaga de incendios deste verán

A nova tempada en CUAC FM arrincou marcada por unha das noticias máis duras do verán: a vaga de incendios forestais que arrasou Galicia durante xullo e agosto. Varios programas da emisora comunitaria dedicaron espazo a analizar a magnitude da traxedia, a resposta institucional e as consecuencias ambientais e sociais dun fenómeno que xa se considera histórico pola súa gravidade.

Segundo os datos do sistema europeo Copernicus (EFFIS), no que vai de 2025 arderon en Galicia 144.997 hectáreas, o que supón arredor do 4,9% do territorio galego. A Xunta de Galicia manexa unha cifra algo menor, próxima ás 120.000 hectáreas, pero en calquera caso falamos do verán máis negro en décadas.

Pico Montouto, Serra dos Cabalos, Ourense. Pedro Armentre (Greenpeace)
A Rede Natura, unha das grandes vítimas

Un dos aspectos máis preocupantes é a enorme afección aos espazos protexidos. Segundo fixo público ADEGA, durante a vaga de lumes de agosto queimáronse 37.819 hectáreas dentro da Rede Natura 2000, o que equivale ao 10,8% do total destes espazos en Galicia. É a maior afección rexistrada desde a implantación desta figura de protección no ano 2004.

Os datos amosan que os incendios impactaron nos espazos protexidos cunha intensidade 2,2 veces superior á do resto do territorio galego. Isto deixa cifras alarmantes: máis da metade do Bidueiral de Montederramo ardeu (56,8%), igual que boa parte do Macizo Central (52,4%) e zonas moi significativas de Pena Trevinca (20,3%), Pena Maseira (14,8%) ou a Serra da Enciña da Lastra (7,5%). Tamén os Ancares e o Courel sufriron os incendios máis graves da súa historia, con 5.389 hectáreas arrasadas.

Consecuencias sociais e ambientais

O impacto ambiental é devastador: perda de biodiversidade, destrución de hábitats, danos irreversibles en ecosistemas únicos e unha forte erosión do solo que compromete a recuperación. Ao mesmo tempo, moitas aldeas e núcleos poboacionais víronse ameazados polas lapas, obrigando a evacuacións e deixando tras de si unha fonda sensación de vulnerabilidade.

A vaga de incendios tamén puxo en evidencia as debilidades do sistema de prevención e extinción, nun contexto marcado polo cambio climático, a seca extrema e as altas temperaturas. Ademais, a Xunta recoñeceu que unha parte moi significativa dos lumes tiveron orixe intencionada.

A análise en CUAC FM

Estrelados na Estratosfera e Velaí Vai comezaron a temporada dedicándolle tempo á vaga de incendios que Galicia sufriu este verán. Os Estrelados falaron no primeiro programa con Mateo Pasantes, enxeñerio forestal, e no episodio 2 conversaron con Juan Fariñas, profesor da UDC e bombeiro profesional. Velaí Vai pola súa parte dedicaron o seu primeiro episodio a falar con Carlos Rocha, bombeiro forestal con base en Carral e que estivo nos incendios de Chandrexa de Queixa.

Escoita os nosos programas sobre os incendios en Galicia

A continuación, tres episodios recomendados dos programas de CUAC FM que comezaron a temporada abordando a vaga de incendios deste verán.

Imaxe do podcast A tempada do lume
2×1 Incendios En Galiza: A Visión Dun Enxeñeiro Forestal

Tras un verán de horror no que se bateron récords arrepiantes, tratamos de comprender a realidade dos nosos montes e o que está a acontecer neles da man de un experto xa coñecido no programa: o enxeñeiro forestal Mateo Pasantes. Analizaremos as medidas que se están a levar acabo e cales se deberían implementar, os bulos que circulan por redes e medios, ademais das actuacións políticas e os seus límites.

Imaxe do podcast
3×1 Carlos Rocha: Bombero Montañero

Velaí Vai é un programa de entretemento que ofrece unha mistura de humor, actualidade e reflexións sobre a vida cotiá. Tertulias sobre temas diversos, xogos, preguntas e experiencias persoais. ¡Únete a nós para unha dosis de perspectiva en cada episodio de Velaí Vai!

Imaxe do podcast
2×2 Incendios En Galiza: A Visión Dun Bombeiro Profesional

Durante este pasado verán, o lume estivo moi presente na Galiza. O desastre foi de unha magnitude cuxas cifras poñen medo. Mais estas poderían ser moito peor se non fora pola intervención dos bombeiros. Estes heroes non soen falar, pero nos tivemos a sorte de convencer a Juan Fariñas, bombeiro profesional, que nos ven a ensinar sobre a realidade desta profesión. Dende como se chega a estes postos e o seu duro adestramento até a entrada en acción nos momentos críticos, pasando polas complexas relacións coa administración pública.

San Vicente de Leira, Ourense. Pedro Armentre (Greenpeace)

Non perdas ningunha novidade de CUAC FM. Subscríbete á nosa newsletter!

Compartir