CUAC FM celebra o seu 30 aniversario cunha gran cea e foto colectiva en María Pita

A Radio Comunitaria da Coruña, CUAC FM 103.4, comeza a súa trixésima tempada radiofónica con máis forza ca nunca e cunha cifra redonda que dá boa mostra da súa vitalidade: 501 programas emitidos ao longo da súa historia. A emisora universitaria, que leva tres décadas emitindo dende o Campus da Zapateira, prepara unha serie de actos para celebrar o seu 30 aniversario e convida a toda a cidadanía coruñesa a participar.

O momento central destas celebracións será o sábado 21 de marzo, cunha foto colectiva ás 13:04 horas na Praza de María Pita, un aceno ao número do seu dial, e unha gran cea-baile no Hotel Meliá María Pita, aberta a todas as persoas que, dalgún xeito, formaron parte da familia de CUAC FM.

A emisora quere que esta cita sexa un reencontro entre xeracións, un espazo de celebración e agradecemento á veciñanza coruñesa, ás institucións locais e a todas as persoas que fixeron posible manter viva a radio comunitaria durante trinta anos. Non en van, CUAC FM atravesou momentos complicados, como o expediente sancionador da Xunta de Galicia que podería ter suposto unha multa de ata 200.000 euros por emitir sen licenza. A mobilización social e o apoio institucional foron clave para que o caso rematase cunha vitoria histórica no Tribunal Supremo, recoñecendo o dereito da radio comunitaria a emitir.

asamblea 2024
Foto de familia da última asamble, en setembro de 2024.

Queres asistir á cea do 30 aniversario?

O 21 de marzo celebramos unha gran cea-baile no Hotel Meliá María Pita. Se fixeches programa en CUAC FM ou formaches parte ou formas parte da asociación non perdas esta celebración. Inscríbete agora!

Inscribirme na cea

O 2026 será, sen dúbida, un ano histórico para CUAC FM e para a comunicación comunitaria en Galicia. A Rede de Medios Comunitarios (ReMC) xa anunciou que celebrará na Coruña o seu Encontro e Asemblea anual para acompañar o aniversario da emisora. Así que toma nota: 21 de marzo, 13:04, Praza de María Pita. A historia da radio comunitaria coruñesa faise foto… e festa!

Non perdas ningunha novidade de CUAC FM. Subscríbete á nosa newsletter!

Compartir