A comunidade de CUAC FM reuniuse na Praza de María Pita para inmortalizar un momento histórico co “fotón” do 30 aniversario da radio comunitaria da Coruña, nun acto cheo de emoción, memoria e futuro.
CUAC FM viviu unha xornada inesquecible coa realización dunha gran foto de familia na Praza de María Pita, un dos actos máis simbólicos dentro da programación do seu 30 aniversario. A imaxe, xa bautizada como o “fotón”, reuniu a persoas que formaron e forman parte da emisora ao longo das súas tres décadas de historia.

O encontro converteuse nun momento especialmente emotivo, no que estiveron representadas distintas xeracións da radio comunitaria da Coruña. Dende voces históricas ata novas incorporacións, pasando tamén por numerosas crianzas que representan o futuro de CUAC FM, a fotografía simboliza a continuidade e o espírito colectivo do proxecto.
A xornada coincidiu ademais co inicio da primavera, cun día soleado que acompañou á perfección este acto de celebración e encontro, reforzando o ambiente festivo e comunitario.

Este acto enmárcase dentro dun programa máis amplo de actividades co que CUAC FM está a celebrar os seus 30 anos de traxectoria. A emisora presentou recentemente unha programación especial que inclúe eventos culturais, encontros coa comunidade e accións abertas á cidadanía, co obxectivo de poñer en valor o papel da radio comunitaria na Coruña e fortalecer os vínculos co seu entorno social.
As celebracións continuarán o vindeiro venres 27, data na que se cumpren exactamente tres décadas desde a inauguración da emisora. Para esa xornada especial está previsto un concerto no Teatro Colón, que contará coas actuacións de Silvia Penide, César de Centi e Pedro Pastor y los Locos Descalzos.
Este conxunto de actividades conta coa colaboración do Concello da Coruña, que se suma así á celebración dunha iniciativa clave no ecosistema comunicativo e cultural da cidade.