CUAC FM convoca o XXVIII Concurso de Bandas e Solistas con 5.000 euros en premios

A radio comunitaria da Coruña abre a convocatoria dunha nova edición do seu histórico concurso musical, dirixido a bandas e solistas de todo o Estado con ata 15 cancións editadas. O certame inclúe actuacións no Festival Noroeste Estrella Galicia e unha final en directo na Sala Mardi Gras.

A radio comunitaria CUAC FM convoca o XXVIII Concurso de Bandas e Solistas, unha iniciativa dirixida a apoiar e dar visibilidade a novos proxectos musicais de todo o Estado. Un ano máis, o certame celébrase grazas á subvención da Deputación da Coruña e á colaboración do Concello da Coruña. A convocatoria está aberta a bandas e solistas que teñan editadas un máximo de 15 cancións.

O concurso repartirá 5.000 euros en premios e desenvolverase en dúas fases. Nunha primeira etapa, dúas bandas galegas seleccionadas actuarán no escenario do Festival Noroeste Estrella Galicia, que se celebrará os días 5 ou 6 de agosto na cidade da Coruña.

Imaxe promocinal do 28 Concurso de Bandas de CUAC FM

Posteriormente terá lugar a batalla de bandas, na que competirán tanto proxectos galegos como doutros puntos do Estado. Esta final celebrarase o sábado 19 de setembro na Sala Mardi Gras. Ademais dos premios principais, o concurso inclúe o Premio Eva Coyote á Mellor Banda Local da Coruña e un premio á Mellor Canción en Galego, co obxectivo de recoñecer tanto o talento musical da cidade como a creación na nosa lingua.

O prazo para presentar candidaturas remata o 31 de maio. As bandas e solistas interesados deberán revisar previamente as bases do concurso para comprobar que cumpren todos os requisitos de participación.

Descarga as bases do concurso

Bases e inscrición

Non perdas ningunha novidade de CUAC FM. Subscríbete á nosa newsletter!

Compartir