Aspronaga visita os estudios de CUAC FM nunha xornada de radio e música en directo

Varias persoas usuarias de Aspronaga visitaron hoxe os estudios de CUAC FM, a radio comunitaria da Coruña, nunha xornada moi especial de encontro, comunicación e cultura. A visita permitiulles coñecer por dentro o funcionamento da emisora a través dun percorrido guiado polos diferentes espazos: os estudios de radio, a redacción e as áreas técnicas.

Durante a visita, as persoas participantes puideron achegarse ao mundo da radio comunitaria, descubrir como se fai un programa desde dentro e coñecer de primeira man o proxecto social e cultural que desenvolve CUAC FM desde hai máis de dúas décadas na cidade.

Visita de aspronaga a CUAC
Aspronaga visitou as instalacións de CUAC FM e probaron a facer un programa de radio!

A xornada completouse cun momento moi especial: a actuación en directo da artista Sandra Calderón, que puxo a nota musical ao encontro cun concerto íntimo nos propios estudos da emisora. A música en directo converteuse así nunha experiencia compartida que reforzou o carácter aberto, participativo e inclusivo da radio comunitaria.

Desde CUAC FM agradecemos a visita de Aspronaga e celebramos este tipo de encontros, que contribúen a achegar a comunicación comunitaria a diferentes colectivos e a seguir construíndo espazos de participación, expresión e diversidade. Esta visitas á emisora son posibles grazas á colaboración do Concello da Coruña.

Non perdas ningunha novidade de CUAC FM. Subscríbete á nosa newsletter!

Compartir