O pasado sábado 20 de setembro celebrouse a tradicional Batalla de Bandas do XXVII Concurso de Bandas e Solistas de CUAC FM, un evento de moi alto nivel na música emerxente de Galicia.
Dende Granada participou Marga Sur, banda formada en 2023 por varios músicos de longa traxectoria na escena independente granadina. O estilo de Marga Sur reivindica a enerxía do rock dos anos 80, con influencias de Bruce Springsteen, Tom Petty ou Dire Straits, pero con letras en castelán e un son potente que se achega tamén a artistas actuais como Leiva ou Fito.
No lado local contamos con AWY, banda da Coruña de rock alternativo, coñecida pola súa posta en escena intensa e polos seus temas que combinan enerxía, melodía e un estilo propio. Ambas formacións ofreceron dous fantásticos concertos na Sala Mardi Gras, cunha asistencia que encheu completamente a sala nunha noite de grande nivel.





Primeiro premio da Batalla de Bandas para Marga Sur e segundo para AWY
Tras os directos e un xurado que o tivo ben difícil, o primeiro premio da Batalla de Bandas de CUAC FM, dotado con 1000 euros, foi para Marga Sur dende Andalucía. Como segundos quedaron AWY, recibindo 900 euros, consolidándose como unha das bandas emerxentes máis destacadas da Coruña.
No descanso entre as dúas actuacións entregouse tamén o Premio Eva Coyote á Mellor Banda Local, que este ano recaeu en CROWDED, un quinteto galego de rock que destaca polas súas guitarras afiadas, polos estribillos directos e por unha capacidade de transmitir forza no directo. CROWDED actuará na Sala Mardi Gras o luns 16 de febreiro, en luns de entroido, como parte das actividades do 30 aniversario de CUAC FM. Esa noite celebrarse tamén un concurso de disfraces con premios económicos e agasallos para quen participe.
CUAC FM confía en poder organizar a 28ª edición da Batalla de Bandas de CUAC FM en 2026, mantendo firme o noso compromiso co apoio ás bandas emerxentes galegas e do Estado fortalecendo o papel de CUAC FM como plataforma vital para novas propostas musicais.
CUAC FM agradece a colaboración do Concello da Coruña que fai posible este concurso.