O programa Recendo de CUAC FM vén de entrevistar no seu episodio número 523 a Martín Louro, máis coñecido como 9Louro, unha das figuras máis salientables da música urbana en galego na actualidade.
O artista muradán visitou o programa para presentar “A Morrer”, o seu segundo disco, producido por July. Trátase dun traballo no que explora unha ampla variedade de ritmos, desde bachata, salsa ou mambo ata trap, mantendo sempre o galego como lingua de expresión. Durante a conversa, 9Louro explicou como foi o proceso creativo do álbum, composto a catro mans co seu produtor, e falou das colaboracións con artistas como Ortiga, Dirty Suc ou o seu propio irmán Samuel, integrante da banda The Rapants.
Na entrevista tamén houbo espazo para lembrar algúns dos momentos máis destacados da súa carreira recente, como o feito de esgotar en apenas media hora as entradas para a presentación do disco na sala Capitol de Santiago, prevista para o 19 de marzo. O músico tamén evocou o concerto ofrecido na capela da Universidade de Santiago, que chegou a provocar longas colas na zona vella da cidade, e reflexionou sobre cuestións como a importancia de cantar en galego, a influencia de Muros na súa música e a decisión de dedicarse profesionalmente a este proxecto artístico co apoio da súa familia.

Como é habitual no programa, a emisión inclúe tamén a sección Galicia Encantada, na que o investigador Antonio Reigosa achega historias da tradición oral galega. Nesta ocasión falou de tres cidades desaparecidas segundo a lenda: as dúas Alcaparras —unha situada no Bierzo e outra nos Ancares— e Alegrín, no Vicedo, supostamente asolagadas por castigos divinos debido á falta de xenerosidade e caridade dos seus habitantes.
17×16 Entrevista A 9 Louro, Estrela Da Música Urbana En Galego
Programa número 523, no que entrevistamos a 9Louro, unha das estrelas da música urbana en galego. Tamén tivemos a sección de Galicia Encantada a cargo de Antonio Reigosa.
Escoitao en Radioco.