O xoves 10 de febreiro quedará marcado na historia de CUAC FM e da cidade da Coruña. A Radio comunitaria da cidade celebraba a Estrea Mundial do documental “Nada que ver” dirixido por Iago Prada. A gala foi presentada con humor por Lucía Veiga e Víctor Grande, co cameo de Xosé Ramón Gayoso para sorpresa de todo o mundo. Pechouse o acto cun tarareo xeralizado, animado por Antonio Facal, da sintonía de Star Wars mentras na pantalla pasaban os nomes dos 480 programas que teñen emitido ata o de agora en CUAC FM.
Case 400 persoas acudiron nunha tarde chuviosa ao Teatro Colón para disfrutar de 55 minutos de rodaxe adicados a tentar de resumir os máis de 25 anos de historia de CUAC FM. Entre os asistentes contamos co reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, a Vicerreitora de Estudantes María José Lombardía, así como concelleiras e concelleiros de diversos partidos con representación en María Pita (Juan Díaz Villoslada, Roberto Coira, Iago Martínez, María García, Silvia Cameán e Francisco Jorquera). Estaba prevista a asistencia do Deputado provincial e Alcalde de Culleredo en representación da Deputación, Xosé Ramón Rioboo, pero un imprevisto de última hora impediu que estivese no Colón. Destacar tamén a presenza de Jacinto Torres, presidente da Cociña Económica entidade que recibirá o importe da recadación.
Contamos con representación entidades socisais como Radio Filispim de Ferrol, a Asociación de Veciños Oza A Gaiteira Os Castros, a A. C. Alexandre Bóveda, entre outras. E, por suposto, amplísima representación de programas de CUAC FM de diversas épocas que sería imposible enumerar un a un. Apertas houbo moitas e unhas cervexas ao rematar, tamén.
Antes da proxección houbo discurso do director, Iago Prada, da presidenta de CUAC, Paula Alonso e entregouse un pin de plata co logo de CUAC a Pablo Rubén Fernández, a única persoa que emite ininterrumpidamente dende 1996 na emisora comunitaria.
Agora comeza un percorrido para o documental que será presentado a festivais de cinema documental e proxectado alí onde se solicite.