O proxecto Cidadanía e Educomunicación (CIDEC), desenvolvido por 5 grupos de investigación galegos, dentro da Rede Europa-América Latina de Comunicación e Desenvolvemento (REAL_CODE), organizou o II Encontro Cidadanía e Educomunicación: das representacións ás participacións. O encontro celebrouse entre na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e contou cunha ponencia de Mariano Fernández, membro da coordinadora de organización e estratexia de CUAC, sobre o rol e os retos dos medios comunitarios como espazos de acción comunicativa das minorías sociais.
No encontro participaron investigadores, comunicadores, organizacións sociais e activistas ligados aos catro grupos sociais cos que traballa o proxecto CIDEC: persoas con diversidade funcional, mulleres, infancia e xuventude, e persoas migrantes.
CUAC FM participou na Mesa: Organizacións e Comunicadores, xunto con Ecos do Sur, A Rede de Mulleres contra os Malos Tratos de Vigo, o Sindicato de Xornalistas de Galicia, a Asociación Itinera e a Cidade da Cultura de Galicia.
CUAC FM ven participando dende o inicio do proxecto nos debates do CIDACOM como entidade colaboradora, co obxeto de representar a labor que os medios de comunicación cidadáns -os medios comunitarios- desenvolven á hora de dar voz ás minorías sociais e aos colectivos excluídos ou infrarrepresenados nos medios de comunicación convencionais.
Investigadores, organizacións sociais e comunicadores conversaron sobre a necesidade de tender pontes entre os tres eidos e mellorar a formación tanto nas habilidades comunicativas dos colectivos sociais como dos propios profesionais da comunicación. Á vez, destacouse a necesidade de intensificar a conexión dos medios e a Universidade coa sociedade. Reforzando o compromiso e a sensibilidade social. “Para comunicarse co outro é imprescindible pórse no seu lugar”.
En último lugar, concluiuse a necesidade de crear redes e estratexias compartidas nas que colaboren grupos de investigación, organizacións sociais e comunicadores. A través do traballo en rede, os tres eidos poden fortalecer as súas relacións, potenciar a súa relación coa sociedade e propor actividades de formación. O obxectivo final é garantir a participación de tódolos grupos sociais na xestión do común, garantir o seu dereito á comunicación e avanzar cara unha investigación e un xornalismo con sensibilidade e compromiso sociais.