CUAC FM relanza o seu informativo con IA: voces do Proxecto Nós e emisión todos os días

«Noticias da Coruña», o informativo local de CUAC FM xerado enteiramente por intelixencia artificial, relánzase en galego, con voces do Proxecto Nós da Universidade de Santiago de Compostela. Emítese agora todos os días, tamén os domingos, e todos os episodios están na app de CUAC FM, sen publicidade.

CUAC FM renova «Noticias da Coruña», o informativo local creado por Fernando «Iverson» Souto, compañeiro veterano da emisora. A emisora presentouno en abril de 2025 como o primeiro noticiario radiofónico xerado enteiramente por IA no Estado español. Agora estrea unha nova etapa con tres cambios.

En galego. O informativo pasa a emitirse en galego, con voces do Proxecto Nós, a iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para levar a lingua á intelixencia artificial. Era un dos obxectivos que CUAC FM avanzou co lanzamento: evolucionar o noticiario tamén en canto á forma, como facelo en galego.

Todos os días. Ata agora emitíase de luns a sábado, nas franxas dedicadas a informativos, ás 07:00 e ás 14:00 h. A partir de agora sumarase tamén o domingo.

Na app, sen publicidade. Todos os episodios están accesibles na app de CUAC FM, sen publicidade, para escoitalos en calquera momento.

Como funciona.

A IA recolle información xa dispoñible en diversas fontes dixitais, selecciona tres novas e xera un guión co seu coñecemento interno e o contexto de cada nova. O guión é locutado por voces de IA e o audio final leva música de fondo. A información técnica pode consultarse no blog de Fernando Souto e, ampliada, en cuacfm.org/ia.

Unha emisora de experimentación.

CUAC FM sempre se caracterizou por usar a radio comunitaria como campo de probas. Desa tradición saíron RadioCo, que informa da grella e xera automaticamente os podcasts dos programas, e a app de CUAC para Android e iOS, tamén obra de Iverson. A app foi unha das primeiras aplicacións radiofónicas de España e a primeira de Galicia.

Unha ferramenta, non un substituto.

Dende CUAC entendemos o informativo como unha ferramenta que axude a xornalistas e outras persoas da comunicación a centrarse na investigación no mundo real, mentres a IA recolle e ordena datos xa publicados. A emisora quere avanzar tamén no fondo, converténdoo nunha ferramenta de verificación de datos (fact-check) que garanta o rigor informativo que defenden as emisoras comunitarias. Espera ademais que outras emisoras, especialmente as da Rede de Medios Comunitarios, poidan ofrecer os seus propios informativos locais cunha tecnoloxía similar.

Non perdas ningunha novidade de CUAC FM. Subscríbete á nosa newsletter!

Compartir