Novo decreto DAB+: COPE, SER e Radio María durmen tranquilas; CUAC FM e as comunitarias seguen fóra

Vén de aprobarse o Real Decreto 958/2026, do 4 de novembro, polo que se adoptan medidas de impulso da tecnoloxía DAB+ no servizo de radiodifusión sonora dixital terrestre, unha desas tantas disposicións legais que pasan inadvertidas pero que son transcendentais para as persoas amantes da radio, particularmente a medio prazo.

A traxectoria da radio dixital no Estado español foi ata agora coma a historia de Pedro e o lobo. Sempre semella que chega, pero ao final nunca o fai, e dese xeito acumulamos un atraso de décadas na implantación dun servizo público que se supón que mellorará a calidade da comunicación radiofónica e que outros países da UE están a impulsar con moita máis decisión.

No eido local, este decreto nada resolve. Bota a pelota ao tellado das comunidades autónomas, deixándolles a decisión de implantar ou non a codificación DAB+. En termos de pluralidade, esta decisión é moi relevante. Simplificando moito, a diferenza será a posibilidade de recibir 6 ou 12 emisoras por cada multiplex. As emisoras de cobertura estatal emitirán en DAB+ (de xeito que caberán 24 cabeceiras de cobertura estatal), pero as CCAA poderán decidir se no seu tramo autonómico e local haberá outras 12 ou 24 emisoras. Podería pasar, por poñer un exemplo, que as persoas que vivan en Asturias teñan dereito a recibir o dobre de emisoras locais e autonómicas nos seus receptores que as que vivan en Canarias. Como pode ser?

Bota a pelota ao tellado das comunidades autónomas, deixándolles a decisión de implantar ou non a codificación DAB+.

Por suposto, nada se di sobre os criterios de adxudicación das licenzas en termos de dereitos, como adoita pasar nas disposicións de carácter técnico. Non se fala de pluralidade, nin de diversidade, nin de transparencia; só se concreta que a adopción do DAB+ non vai supoñer custos engadidos para as empresas adxudicatarias do nunca despregado DAB. Sempre é bo saber que a estas empresas este quilombo vaille saír de balde.

No que atinxe aos medios comunitarios, volve manifestarse o nulo interese en garantir o que a lexislación española establece e o que a normativa internacional recomenda encarecidamente. De novo se fala da implantación dun novo modelo radiofónico sen garantir a presenza dos medios comunitarios, deixando zonas grises que posibilitan a perpetuación do modus operandi que nos acompaña desde a entrada en vigor da Lei Xeral da Comunicación Audiovisual (LGCA) de 2010: todos os dereitos sobre o papel, pero ningún na práctica.

Resulta rechamante que, a propósito de todo o antedito, a autoridade nacional de regulación (neste caso a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, CNMC) se abstivese de facerlle ao Executivo recomendación ningunha no sentido de garantir a presenza dos servizos de comunicación comunitarios sen ánimo de lucro na regulación da futura radio dixital mediante unha reserva, ou polo menos unha mención explícita, tal e como se fixo nos países da nosa contorna con mellores prácticas na materia, ou como se fai aquí coa radio pública e coa privada comercial. Seica para a administración o dereito á comunicación da cidadanía é contingente, pero garantir o negocio ou o adoutrinamento desde operadores privados é necesario. Cantando claro, nada se di de CUAC FM, nin de Radio Filispim, nin de tantas outras, pero Radio María, a COPE e a SER poden durmir ben tranquiliñas: ninguén as vai obrigar a nada, poden estar confortables na FM ata que sexa rendible apagala e, entrementres, os operadores piratas poden ir tomando posicións no novo formato para seguir repetindo o día da marmota, iso si, agora en dixital.

No que atinxe aos medios comunitarios, volve manifestarse o nulo interese en garantir o que a lexislación española establece e o que a normativa internacional recomenda encarecidamente.

Esta falta de garantías, con toda probabilidade, abocará o despregamento do DAB e do DAB+ no eido local a unha intensa litixiosidade, tanto no ámbito doméstico como no europeo, que incrementará a inseguranza xurídica, obstaculizará o normal despregamento desta nova tecnoloxía, atrasará a súa implantación e redundará en prexuízo das persoas usuarias e dos operadores, sen entrar a valorar o menoscabo e a erosión dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas que este enfoque regulamentario comporta.

Non é que chova sobre mollado, é que isto non é choiva.

Non perdas ningunha novidade de CUAC FM. Subscríbete á nosa newsletter!

Compartir