Saficonas estrea o seu primeiro episodio con Cecilia Burillo como protagonista

Les Coruña e CUAC FM estrean Saficonas, un novo podcast dentro do proxecto Iconas que busca dar voz e visibilidade ao talento LGTBIQ+. No seu primeiro episodio, a conductora Estela López Rodríguez conversa coa multiinstrumentista, compositora e docente coruñesa Cecilia Burillo, nunha entrevista próxima e sincera sobre a súa traxectoria musical, os seus proxectos e a súa propia experiencia vital.

O proxecto Iconas, impulsado por Les Coruña, suma un novo espazo á súa aposta pola visibilización do colectivo LGTBIQ+: o podcast Saficonas, que se emite e produce en colaboración con CUAC FM e que xa está dispoñible o seu primeiro episodio.

Baixo a condución de Estela López, coa produción de Ana García, a dirección de Carolina Prego e o control técnico de Marga Lago, este primeiro programa recibe como convidada a Cecilia Burillo, multiinstrumentista, compositora, cantante e docente nada na Coruña.

Ao longo da entrevista, Burillo repasa a súa formación musical —marcada desde nena pola influencia do seu pai, o guitarrista Ramón Burillo— e o seu paso polo Conservatorio da Coruña, onde estudou violonchelo antes de descubrir o piano, instrumento que hoxe ocupa un lugar central na súa creación. A conversa percorre tamén algúns dos seus proxectos, como Trasquiván, O Pau Que Vira, xunto ao seu pai e Turut Tambores, o dúo Crece con David Zin, e Planet Showbash, que comparte con Darío Pérez.

Máis alá do musical, Burillo comparte de forma aberta a súa experiencia como muller bisexual, as dificultades que atopou historicamente para nomear e validar esa parte da súa identidade, e o papel que a música e a docencia xogaron no proceso de autocoñecemento e expresión. A entrevista repasa tamén referentes persoais e artísticos que menciona a propia Burillo, como Zahara, Ede, Clara Peya ou May de Leria.

Con esta primeira entrega, Saficonas consolídase como un espazo de conversas íntimas que reivindica as historias persoais detrás de cada traxectoria artística, e que se pode escoitar xa a través da web e app de CUAC FM.

Imaxe do episodio
Saficonas

Cecilia Burillo: música, docencia e a súa propia historia

Primeiro episodio de Saficonas, novo podcast de Les Coruña e CUAC FM dentro do proxecto Iconas, coa música coruñesa Cecilia Burillo.

0:00 / 0:00

Non perdas ningunha novidade de CUAC FM. Subscríbete á nosa newsletter!

Compartir