Cine, relatos e xogos de mesa: CUAC FM estrea ‘Sueños Diabólicos’ e recupera os seus programas estivais

CUAC FM presenta a súa programación de verán cunha estrea e dous regresos moi esperados. O novo programa Sueños Diabólicos incorpora ao 103.4 FM un espazo de cinefilia sen filtros, mentres que Radio Relatos e 2d6 retoman a súa cita estival complementada coa mellor selección musical.

A radio comunitaria da Coruña enfronta os meses de verán cunha grella renovada que combina estreas, regresos e a mellor música para acompañar a tempada máis refrescante do ano.

Sueños Diabólicos, a nova terapia semanal para cinéfilas e cinéfilos

A gran novidade desta tempada é Sueños Diabólicos, un programa que se presenta como “a vosa terapia semanal encuberta” para todas as persoas que prefiren o brillo dunha pantalla á luz do sol. Nun espazo sen filtros nin censura, o cine debátese, analízase e vívese con obsesión: sen importar décadas, xéneros nin esa película mala que se ama en segredo. Cada entrega propón unha hora de pura cinefilia en vea, aberta a todas as miradas e todos os gustos.

Radio Relatos, de volta coas historias dos xoves

O programa de relatos curtos lidos polos seus propios creadores retoma a súa cita estival os xoves de xuño, xullo e agosto. Radio Relatos, da man de Julio César Carballada e Julia Castillo, é un dos espazos máis singulares da programación de CUAC FM: un escaparate para a narrativa oral onde cada episodio é unha historia diferente contada en primeira persoa pola persoa que a escribiu.

2d6 regresa ás súas partidas quincenais

Os venres ás 17.00 horas, con frecuencia quincenal, Chesto Rey volve abrir a mesa de 2d6 para falar de xogos de mesa, videoxogos e experiencias persoais arredor do ocio analóxico e dixital. Un programa para todas as persoas afeccionadas ao mundo lúdico que buscan algo máis que reseñas: conversas reais con convidadas e convidados que comparten a mesma paixón.

Toda a programación estival de CUAC FM complétase cunha coidada selección musical para facer máis levadeiro o verán. Podes seguir a emisión en directo no 103.4 FM, nas nosas apps gratuitas ou a través de cuacfm.org.

Non perdas ningunha novidade de CUAC FM. Subscríbete á nosa newsletter!

Compartir