CUAC FM emite a campaña radiofónica “Violencias de xénero en perspectiva” para fomentar a sensibilización e a prevención

CUAC FM incorpora á súa programación a emisión da campaña radiofónica “Violencias de xénero en perspectiva”, unha serie de pezas sonoras centradas na sensibilización social sobre a importancia de recoñecer as distintas formas de violencia de xénero como paso imprescindible para a súa prevención.

As pezas que conforman esta campaña foron realizadas por alumnas do curso “Xénero e Comunicación”, impartido por EMA-RTV, e abordan a violencia machista desde diferentes ámbitos e realidades, ofrecendo unha mirada crítica, diversa e comprometida coa igualdade.

A violencia de xénero maniféstase de múltiples maneiras —non só a través da violencia física— e afecta a distintos espazos da vida social, laboral, sanitaria ou comunitaria. Dar visibilidade a estas realidades, nomealas e analizalas desde a comunicación é fundamental para avanzar cara a unha sociedade máis xusta e libre de violencias. Neste sentido, o formato radiofónico convértese nunha ferramenta clave para a reflexión colectiva e a concienciación cidadá.

A campaña “Violencias de xénero en perspectiva” inclúe os seguintes contidos:

  • Reportaxe “Guardianas de las rías y de la vida”, de Sonia Jiménez Romero
  • Reportaxe “Esterilización forzosa, una realidad invisible sobradamente conocida”, de Nadia Otero
  • Reportaxe “Partería tradicional, desterrando prácticas de violencia obstétrica”, de Belén Molina
  • Reportaxe “La importancia de incluir a los hombres en programas que promuevan la equidad”, de María del Socorro Bernal
  • Reportaxe “Violencia en el entorno laboral”, de Isabel Galeote
  • Entrevista sobre o documental “La cuidadora”, de Alianza por la Solidaridad
  • Entrevista sobre o documental “Ellas en la ciudad”

As pezas radiofónicas desta campaña emitiranse durante toda a semana do 19 ao 25 de xaneiro ao medio día, despois dos informativos.

Con esta emisión, CUAC FM reafirma o seu compromiso coa comunicación social, a igualdade de xénero e a difusión de contidos que contribúan á transformación social desde unha perspectiva crítica e feminista, dando espazo a voces novas e a proxectos formativos que empregan a radio como ferramenta de cambio.

Non perdas ningunha novidade de CUAC FM. Subscríbete á nosa newsletter!

Compartir