CUAC FM amplía a súa grella cun espazo radiofónico de marcado carácter social, educativo e comunitario. O venres 16 de xaneiro de 2026 chega ás ondas Radio en Ruta, un magazine feito polo alumnado do programa formativo Ruta, unha iniciativa da Fundación Amador de Castro dirixida a mozos e mozas con discapacidade intelectual.
Radio en Ruta nace como un espazo de expresión, participación e aprendizaxe radiofónica, no que o alumnado ten a oportunidade de compartir ideas, opinións e experiencias, ao tempo que traballa e adestra habilidades comunicativas, sociais e creativas. O programa convértese así nunha ferramenta de inclusión e empoderamento, dando voz a persoas que teñen moito que contar.
A Fundación Amador de Castro é unha entidade sen ánimo de lucro que traballa pola inclusión social, o apoio e o mellor benestar de persoas con discapacidade intelectual, síndrome de Down e Alzhéimer e as súas familias. Inspirada pola experiencia da propia familia de Amador de Castro, a fundación xorde coa vontade de devolver á sociedade parte do que esta lles deu, promovendo oportunidades e acompañamento para persoas e familias que afrontan desafíos importantes no seu día a día.
Ruta ten como obxectivo dotar ao alumnado de competencias persoais, sociais e prelaborais que fomenten a súa autonomía funcional e emocional
Dentro deste compromiso social, o Programa Formativo Ruta é unha proposta educativa e vital dirixida a mozos e mozas con discapacidade intelectual que esgotaron a súa etapa educativa formal. Ruta ten como obxectivo dotar ao alumnado de competencias persoais, sociais e prelaborais que fomenten a súa autonomía funcional e emocional, axudando á transición cara a unha vida adulta con máis seguridade e oportunidades. O programa combina contidos teóricos e prácticos, actividades formativas vivenciais, salidas culturais e experiencias que favorecen o desenvolvemento persoal e comunitario.
O magazine Radio en Ruta terá emisión quincenal, todos os venres ás 10:00 da mañá, e poderá escoitarse en directo no 103.4 da FM, a través da emisión en liña en https://cuacfm.org/directo/ e tamén nas apps gratuítas de CUAC FM. Ademais, todos os programas estarán dispoñibles en formato podcast en RadioCo e nas propias aplicacións da emisora, para poder escoitalos en calquera momento.
Con esta estrea, CUAC FM reafirma o seu compromiso coa radio comunitaria, a diversidade e a inclusión, apostando por proxectos que usan a comunicación como motor de aprendizaxe e transformación social.