O libro dos 30 anos de CUAC FM preséntase no Circo de Artesáns nun acto cargado de emoción

O 30 de decembro, o Circo de Artesáns acolleu a presentación da obra colectiva “Que bonitas son as ondas radiofónicas. 30 anos de CUAC FM” nun acto cheo de emoción, alegría e moita parrulada, de agora e de sempre.

Inés Rey e Paula Alonso na presentación do libro.
Inés Rey e Paula Alonso, presidenta de CUAC FM.

Se no Colectivo de Universitarios ACtivos, como na Real Academia Galega, houbese tradición de escoller a palabra do ano, sería sinxelo neste que acaba hoxe. Esa palabra sería FAMILIA pois foi o termo máis usado onte para definir a asociación, incluso por persoas externas a ela pero vencelladas e comprometidas co proxecto e que non quixeron perder a oportunidade de compartir connosco esta presentación como o reitor da UDC Ricardo Cao, que na súa intervención aplaudiu o necesario labor social e cultural do colectivo dende os seus inicios, denominándoo “laboratorio de comunicación social” e destacando a súa influencia na comunidade universitaria e na cidade; e a alcaldesa da Coruña Inés Rey, recordando esta os comezos da emisora que ela mesma puido presenciar, sendo aínda estudante, e sinalando o inmenso valor do traballo feito dende aqueles primeiros pasos ata hoxe para que a maxia da radio nunca se apagara na Zapateira a pesares das decisións que noutros tempos se tomaron dende a propia UDC. 

Ricardo Cao na súa intervención aplaudiu o necesario labor social e cultural do colectivo dende os seus inicios, denominándoo “laboratorio de comunicación social”

Tamén participaron na mesa Estela López, membro do Consello de CUAC e parte do equipo de edición do libro; Paula Alonso, presidenta da asociación; Isa Lema, cuaqueira veterana e investigadora especializada en medios comunitarios; e Mariano Fernández, un dos fundadores e irmán maior para moitas das persoas alí presentes, que non quixo desaproveitar a oportunidade para falar da precaria situación dos medios comunitarios en España e agradecer ao reitor da UDC, á alcaldesa, ao concelleiro de Cultura e Turismo Gonzalo Castro e demais autoridades presentes o apoio e respaldo das institucións, esencial para que CUAC estea cumprindo hoxe estas tres décadas.

Os cinco fundadores de CUAC coa portada do libro obra de Manel Cráneo.

Moitas das persoas que participaron na obra puideron acompañarnos e compartir co resto do público que encheu o salón do Circo de Artesáns os seus pensamentos e recordos na emisora, facendo brotar as lágrimas de moitos de nós en máis dunha ocasión, unhas de emoción e outras de risa grazas a persoeiros como Víctor Grande, Xurxo Souto, Fernando Liñares ou Lucía Veiga. Iñaki Gabilondo non estivo presente pero foi tamén unha das estrelas do acto ao descubrir o segredo mellor gardado: a súa colaboración no libro cun capítulo que vai facer historia na travesía de CUAC FM.

Iñaki Gabilondo non estivo presente pero foi tamén unha das estrelas do acto ao descubrir o segredo mellor gardado: a súa colaboración no libro cun capítulo que vai facer historia na travesía de CUAC FM.

O acto foi conducido por outro dos fundadores do colectivo, Tomi Desastre, que rematou compartindo con todos un texto inspirado nun tema de Josele Santiago “Pensando no se llega a na” e que recompila todas as proezas logradas por esta asociación dende que aqueles rapaces, fai 30 anos, pensaron que as cousas non se fan soas pero nunca desistiron de buscar con quen facelas. 

De esquerda a dereita: Paula Alonso, Inés Rey, Ricardo Cao e Estela López.

Rematamos a celebración co clásico brinde de Nadal, este ano máis especial que nunca, non só pola benvida da nosa obra coral senón tamén por poder compartilo con compañeiros e compañeiras doutras épocas, e persoas achegadas que escoitan, seguen e apoian o proxecto.

O libro púidose crear grazas ao convenio denominado “Ondas Comunitarias” entre a Concellaría de Cultura e Turismo do Concello da Coruña e CUAC FM. Nesta primeira edición, haberá unha tirada de 800 exemplares que se repartirán de forma gratuíta en diferentes puntos da cidade que iremos informando en canto estean dispoñibles.

Moi pronto anunciaremos na nosa web os locais onde podes facerte cun exemplar do libro totalmente de balde. Presta atención á nosa web e redes para non quedar sen o teu!

Desta forma, CUAC inicia un ano cargado de eventos para celebrar coa veciñanza da Coruña os seus 30 anos de vida. A radio comunitaria da Coruña aproveita para desexarlle a todos os nosos lectores e audiencia un feliz ano 2026.

Non perdas ningunha novidade de CUAC FM. Subscríbete á nosa newsletter!

Compartir