A Coruña acolleu este domingo, 29 de setembro, unha nova edición da Carreira da Muller Central Lechera Asturiana, que reuniu a máis de 8.000 participantes. A cita deportiva, cun percorrido de 6,3 quilómetros desde Riazor ata a Torre de Hércules, é xa unha das máis multitudinarias da cidade e combina deporte, solidariedade e compromiso social.

Homenaxe a La Ciencia es Femenino, programa de CUAC FM
Un dos momentos máis especiais desta edición é a homenaxe a La Ciencia es Femenino, programa de CUAC FM que cada visibiliza o papel das mulleres na ciencia e reivindica referentes femininos galegos. Emitido na 103.4 FM os domingos de 12:00 a 13:00 horas, este espazo converteuse nun punto de encontro para dar voz a científicas, investigadoras e divulgadoras. La Ciencia es Femenino conta con 9 temporadas en CUAC FM e unha longa lista de mulleres científicas que se achegaron aos micros da radio comunitaria para facer divulgación. O equipo de La Ciencia es Femenino está formado por Ariana Fernández, Isabel Fernández, Jorge Delgado, Mariví Iglesias, Eva Castro e Lara Ruiz.
Ademais, tamén se recoñeceu a traxectoria da coruñesa Julia Benedetti, deportista olímpica en skateboarding nos Xogos de Toquio e París.
Solidariedade e compromiso
A Carreira da Muller mantén a súa forte dimensión solidaria:
- Repartíronse 50 dorsais solidarios para apoiar a ACADAR, a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia.
- O apartado +SolidariAs recoñeceu a labor de Bolboretas Coruña Dragon Boat, colectivo de mulleres que superaron ou loitan contra o cancro de mama a través do deporte.
- Todas as participantes levaron o dorsal co número 016, teléfono de atención ás vítimas de violencia machista, como símbolo de sensibilización social.
Ademais, a organización fixo unha doazón de 90.000 euros á Asociación Española contra o Cancro (AECC) e entregou 1.000 euros á Fundación GEICAM, á Asociación Clara Campoamor e a Wanawake Mujer, entidade que combate a mutilación xenital feminina e outras formas de violencia de xénero.
Un evento que enche de vida o paseo marítimo
O percorrido, que se estendeu ao longo de 6,3 km pola beiramar coruñesa, converteu o paseo marítimo nun espazo cheo de cor, enerxía e reivindicación. A Carreira da Muller consolídase así como unha cita imprescindible na axenda deportiva e social da Coruña.