A paixón polo motor chega con forza á nosa comunidade coa primeira edición do Rally Terra de Galicia 2025, unha proba puntuable para o Campionato de España de Rallyes de Terra (CERT – Rallycar). O evento celébrase os días 4, 5 e 6 de setembro e converterá Galicia en escenario de referencia para pilotos e afeccionados do automobilismo.
Organizado polo Club Rally Terra de Galicia, o rally contará con oito tramos cronometrados e unha espectacular Súper Especial de 2,4 km no circuíto de Autocross de Arteixo, que promete emoción e espectáculo a partes iguais. Ademais, a Cerimonia de Saída terá lugar o venres 5 de setembro ás 21:00 horas na Praza de María Pita da Coruña, nun marco incomparable para dar inicio á competición.
Escape Motor toma os mandos en Radio Cerceda
O equipo do programa Escape Motor, que se emite habitualmente en CUAC FM, desprazarase ata as instalacións da emisora municipal Radio Cerceda para realizar a retransmisión íntegra e en directo dos 8 tramos do Rally Terra de Galicia 2025.
A cobertura comezará o sábado 6 de setembro a partir das 08:30 horas, ofrecendo narracións ao minuto, análises técnicas e toda a emoción dunha cita que fai historia: por primeira vez, Galicia entra oficialmente no calendario do CERT como proba independente.
Onde escoitar a emisión do rallye
Segue a narración en directo a través de Radio Cerceda. Preme no botón comezar a escoitar.
Unha cita histórica para o motor en Galicia
O debut do Rally Terra de Galicia marca un antes e un despois no automobilismo galego, achegando novos escenarios, superficies e retos que poñerán a proba a habilidade dos pilotos e a resistencia das máquinas.
Con esta retransmisión especial, Escape Motor e Radio Cerceda convidan a toda a afección a seguir en directo unha fin de semana que promete ser inesquecible.