🎶 O que non podes perder do Festival Noroeste Estrella Galicia 2025

A Coruña énchese de música coa 38ª edición do Festival Noroeste Estrella Galicia 2025, que se celebra do 6 ao 10 de agosto. Este evento gratuito, organizado polo Concello da Coruña, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, aposta por converter a cidade nun gran escenario ao aire libre, con concertos repartidos en distintos espazos emblemáticos: Praza de María Pita, Campo da Leña, Praza de Azcárraga, Castelo de Santo Antón, Praia de Riazor e O Portiño.

Este ano, o cartel do Festival Noroeste Estrella Galicia 2025 mestura artistas internacionais, referentes da escena estatal e talentos locais, nunha proposta diversa que vai do rock ao reggae, do soul á electrónica, do folk á música urbana. Como cada ano, CUAC FM realizou un programa en directo de 2 horas de duración feito por amantes da música en directo no que debullamos todo o cataz deste ano e ofrecemos as nosas recomendacións persoais. Se non sabes a que concertos ir ou tes dúbidas entre que eventos escoller, este é o teu programa. Escoita xa o podcast aquí mesmo ou na nosa aplicación gratuita (coa mellor calidade de audio e 0 -cero- publicidade):

Equipo do Especial Festival Estrella Galicia 2025
Equipo do Especial Festival Estrella Galicia 2025: Paula, Darío, Chesto, Tomi, Rubén e Noel.

A Praza de María Pita será nesta edición un dos grandes epicentros do Festival Noroeste Estrella Galicia 2025. O mércores 6 destacan Albert Pla & Rumbagenarios e La Yegros, mentres que o xoves 7 será a quenda de Queralt Lahoz, con sons que mesturan flamenco, soul e electrónica; e Mondra, un dos artistas galegos do momento con un directo que te fará vibrar.

Na Praia de Riazor, as noites do venres e sábado prometen ser memorables. O venres 8, Carlos Ares, Luar Na Lubre e Grande Amore traerán desde pop alternativo ata folk galego pasando polo mellor punk galego. O sábado 9, o protagonismo será para Guadi Galego, Siloé e The Vaccines, un dos nomes máis potentes desta edición.

No Campo da Leña, os concertos comezan todos os días ás 13:00 h, perfectos para gozar ao sol con música en directo. O mércores actúan Los Sex, o xoves Komodo, e o venres Gustavo Almeida. Pola noite, bandas como Los Deltonos, Hermana Furia ou Doctor Snob animarán a xornada.

Festival Noroeste Estrella Galicia 2025
Concerto na praia de Riazor na edición do ano 2024 do Festival Noroeste Estrella Galicia.

A Praza de Azcárraga convértese un ano máis nun espazo ecléctico e íntimo, con artistas como J.P. Bimeni & The Black Belts, Tito Ramírez, Scarecrow ou Nordés.

No Campo de Santo Antón, música de calidade con presenza africana e internacional: Vieux Farka Touré Quartet, Ballaké Sissoko & Piers Faccini ou McEnroe enchen este espazo de matices sonoros.

O Portiño acolle propostas urbanas e electrónicas, como Raphael de la Ghetto, DJ Peligro, ou a proposta infantil Yo Soy Ratón o domingo 10, pechando o festival.

O Festival Noroeste Estrella Galicia 2025 consolídase un ano máis como un dos eventos culturais imprescindibles do verán en Galicia, ofrecendo unha programación diversa, accesible e pensada para todos os públicos. A súa capacidade para transformar A Coruña nun gran escenario urbano, mesturando a música co espazo público, converte esta cita nun exemplo de cultura viva, participativa e sostible. Se che apaixoa a música, non perdas esta oportunidade de gozar de artistas locais e internacionais nun ambiente único, con concertos ao aire libre e entrada libre. Vémonos no Noroeste!

Compartir