A nova Lei xeral de comunicación audiovisual cumpre tres anos e un día sen avances para os medios comunitarios

O 8 de xullo de 2022 apróbase a vixente Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, que viña substituír a lei homónima de 2010. Por segunda vez na historia da nosa democracia, as radios e televisións comunitarias eran recoñecidas, establecéndose un mecanismo de regularización da súa situación xurídica, en precario dende o 1978. Dito de xeito sinxelo, recoñecíasenos entroutras cousas, o dereito a ter licenzas de emisión que nos permitisen saír dun océano de incerteza legal no exercicio do constitucionalísimo dereito a comunicar. Un dereito que, despois da aprobación da Constitución, foi rapidamente desenvolvido para medios comerciais e públicos, mais non para outros medios porque… patacas. Pasaron tres anos e o número de licenzas concedidas continúa a ser de cero, aínda que as radios e teles comunitarias fixeron os deberes e presentaron a documentación requirida en tempo e forma nos seis meses posteriores a aprobación da lei. Tres anos e, na práctica, nada mudou.

Pero… son en realidade tres anos?

O 31 de marzo de 2010 aprobárase a anterior Lei Xeral de Comunicación Audiovisual. Hai máis de 15 anos. Nela recoñecíase por primeira vez o dereito a existir dos medios comunitarios e establecía, adiviñade, un mecanismo de regularización da súa situación xurídica. Dito de xeito sinxelo, que tiñan dereito a unha licenza. Resultado: 15 anos despois e xa substituída pola lei de 2022, o exercicio nos doce anos de vixencia deu un resultado de cero licenzas para as radios e televisións comunitarias. Sóavos?

O balance xeral ven sendo que gobernos estatais de dúas cores políticas distintas fixeron do incumprimento da lexislación vixente unha práctica común.

O balance xeral ven sendo que gobernos estatais de dúas cores políticas distintas fixeron do incumprimento da lexislación vixente unha práctica común. Non contentos con iso, varios gobernos autonómicos tentaron sancionar e pechar radios comunitarias nos últimos anos a causa de non ter licenza, en aplicación dos réximes sancionadores das leis que recoñecen o dereito desas radios a ter licenzas. O mundo ao revés. Para iso, algúns si que foron dilixentes na aplicación da lexislación. Dilixencia no recorte de dereitos, pasividade na consolidación deses mesmos dereitos, que dito sexa de paso, non son dereitos menores, senón dereitos fundamentais. O estado español non só incumpre a súa propia lexislación nesta materia, tamén se salta recomendacións de organismos internacionais coma a UNESCO, o Consello de Europa, ou mesmo o propio Parlamento Europeo, negando unha realidade, a dos medios comunitarios, que está plenamente consolidada na meirande parte dos países da UE, en Hungría non, claro. A seguridade xurídica non é moito pedir, é poñernos, por exemplo, ao nivel de Francia en 1982, pouca cousa.

En CUAC FM, hai trinta anos que pedimos por primeira vez unha licenza. Respondeunos un conselleiro da Xunta de Galicia, xa finado, que poderiamos ter acceso a unha de xeito “inminente”. E ata hoxe. Dicía Gardel que 20 anos non son nada, pero trinta xa comezan a amolar un pouco. Durante estes trinta anos, CUAC FM non deixou de loitar pola licenza á que ten dereito, e non está soa na loita. Toda a Rede de Medios Comunitarios leva dende a súa creación nesta mesma teima, percutindo día tras día, atopando organizacións aliadas no camiño, falando coa clase política, co funcionariado, con organizacións da sociedade civil… Non deixamos pedra sen remover nin porta sen petar, nin imos deixar de facelo porque, outra cousa igual non, pero teimudos e resilientes somos un cacho.

Iso si, polo de agora, cero licenzas.

Compartir