‘Recendo’ celebra o seu episodio número 500

‘Recendo’, o programa de cultura e sociedade da Asociación Cultural Alexandre Bóveda en CUAC FM, emite este martes 22 de abril o seu episodio número 500. ‘Recendo’ comezou a emitirse na 103.4 da Coruña un martes 6 de outubro de 2009 e, desde aquela, non fallou ningún martes no encontro coa súa audiencia. A excepción marcouna a temporada 2019/2020 na que, por mor da pandemia, o programa non emitiu parte dos episodios que tiña programados. Con todo, a pandemia non puido evitar que as voces de ‘Recendo’ voltasen ás ondas e xa na temporada 2021/2022 regresaron ao directo realizando o programa de forma telemática.

Naquel primeiro programa estiveron Amancio Sotillo (locución), Carmela Garrido (locución), Fina Bastón (técnica) e Roberto Catoira (técnico) pero na actualidade polo equipo de ‘Recendo’ xa pasaron unhas 27 persoas. O programa, tal como o coñecemos hoxe, foi definido polas persoas que formaban o equipo na súa segunda temporada, a 2010/2011. Entrevistas a persoas e asociacións galegas, axenda cultural, poesía e seccións de teatro, literatura, feminismo… Todo isto conforma o menú cultural semanal de ‘Recendo’.

Cóntanos Roberto Catoira que ‘Recendo’ non foi o primeiro nome que se lles veu á cabeza para o programa. “Pota e mantel”, “Arrecendendo” ou “Alcatreo” (antónimo) foron algúns dos valorados pero, di Roberto que, “apenas houbo discusión”. Durante a primeira tempada, a sintonía foi unha canción infantil titulada “O peto” do grupo Fol do vento, incluída no seu disco “Cancións para Antía”. Este grupo, con certa variantes, agora chámase Pirilampo, e xa editou varios discos máis, tamén de música infantil. Ao comezo da segunda tempada, conta Roberto, que “por consello dalgúns veteranos da emisora”, dicidiron cambiar a sintonía. As tres finalistas foron “Caixa de roseira” (Faltriqueira), “Xotas do Sul” (Xabier Díaz) e “Pedras contra tanques” (Leilía). Xa sabedes cal gañou.

Imaxe do programa.

Polos micros de ‘Recendo’ pasaron centos de convidados e convidadas. Algúns deles son: Xabier Díaz (Berrogüetto), Xurxo Souto, Xosé Luís Méndez Ferrín (especial dende a Real Academia Galega, en 2011), Mercedes Queixas, Xabier Docampo, Manel Cráneo, Miguel Pernas, Yolanda Castaño, Isabel Risco, Migueanxo Prado, Tanxugueiras, Quico Cadaval, Antonio Durán “Morris”, Cristina Pato, Mabel Rivera… A listaxe é enorme.

A xente de ‘Recendo’ mesmo fixo teatro. Na primavera de 2010 gravaron, no Estudio José Couso, catro obras de teatro. As catro obras foron representadas polos integrantes do Grupo de Teatro da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, dirixido polo actor galego Xoán Carlos Mexuto.

‘Recendo’ é un programa que ten como eixo a difusión da cultura e lingua galega así como os temas da interese para o noso País. Estes son os nomes das persoas que o fan ou o fixeron posible o programa: Roberto Catoira, Amancio Sotillo, Carmela Garrido, Fina Bastón, Alex Sanjurjo, Brais Morán, Maruxa Mascuñana, Nuria Seoane, Patricia Precedo, Xavier Villarrenaga, Javier Pereira, Luis Sanjurjo, Irwin Varela, Guadalupe Neira, Gema Millán, Sara Calderón, Lucía Papaleo, Marta López, Uxía Vázquez, Antonio Brea, Manu Castiñeira, Miguel Anxo Facal, Chechu Seoane, María Núñez Veiga, Diana López, Naza Roca, Alberto Cardezo.

Escoita ‘Recendo’ en directo os martes ás 7 da tarde en CUAC FM ou cando queiras o podcast ou revisar todo o histórico de episodios no seu blog.

Compartir