CUAC FM emitirá diariamente o primeiro informativo xerado por intelixencia artificial e redeseña a súa web

Cuac FM emitirá a partir do venres 11 de abril ás 14:00 horas Noticias de A Coruña, un informativo local xerado enteiramente por intelixencia artificial (IA), sendo o primeiro noticiario radiofónico desta clase en todo o estado español.

O seu creador é Fernando “Iverson” Souto, compañeiro veterano da emisora. Cuac FM sempre se caracterizou por estar aberta a novas ideas, o que animou e segue animando ás persoas da emisora a ser creativas e utilizar a radio comunitaria coma campo de experimentación. 

Así naceron outras tecnoloxías de vangarda coma RadioCo, que non só informa sobre a grella de Cuac FM senón que tamén xera automaticamente os podcasts dos programas e que é única na Coruña; ou a app de CUAC para Android e iOS, unha das primeiras aplicacións radiofónicas de España e a primeira de Galicia, publicada no 15º aniversario de Cuac FM, igualmente obra de Iverson.

Neste novo informativo local, a IA usa información xa dispoñible en diversas fontes de información dixital, selecciona 3 novas e xera un guión co seu coñecemento interno e o contexto da nova. Ese guión é locutado por dúas voces IA e produce un audio final con música de fondo. Toda a información técnica pódese consultar aquí aquí. CUAC habilitará nos próximos días a web www.cuacfm.org/ia con toda a información.

En plena expansión da IA en todas as áreas das nosas vidas, era cuestión de tempo que aparecese algo similar ao informativo que presentamos hoxe. Dende CUAC entendémolo como unha ferramenta que axudará a xornalistas e outras persoas do mundo da comunicación a centrarse no seu labor de investigación no mundo real mentres as IA recollen e ordenan datos xa publicados no virtual.

No futuro agardamos poder evolucionar este noticiario non só en canto a forma (como facelo en galego) senón en canto a fondo, converténdoo nunha ferramenta de fact-check (verificación de datos), que asegure o rigor informativo que defendemos nas emisoras comunitarias. 

Por outra banda, agardamos que outras emisoras, especialmente as nosas homólogas da Rede de Medios Comunitarios, poidan ofrecer os seus propios informativos locais empregando unha tecnoloxía similar.
Noticias de A Coruña emitirase en Cuac FM de luns a sábado nas franxas horarias adicadas a informativos, ás 07:00 e 14:00 h.

Nova web para CUAC FM

No día de hoxe, CUAC FM tamén estrea redeseño da páxina web. O deseño foi realizado por Ariseweb e grazas á colaboración da Deputación da Coruña. A nova web mellora a accesibilidade desde dispositivos móbiles. Ademáis incorpora importantes melloras para dar resposta ás novas necesidades da emisora comunitaria da Coruña como o lanzamendo, na última asemblea, de CUACTV . Por outra parte, os socios e socias de CUAC terán agora na nova web un espazo persoal onde consultar todos os manuais de funcionamente así como realizar diversos trámites relacionados coa súa actividade na radio e na asociación.

Compartir