A asociación

Cuac FM

Colectivo de Universitarios Activos: CUAC

A asociación cultural Colectivo de Universitarios Activos -CUAC- é unha asociación sen ánimo de lucro, fundada en xuño de 1995, que traballa fundamentalmente no eido cultural e da comunicación social. CUAC é propietaria da emisora comunitaria CUAC FM que facilita o acceso da cidadanía, de forma individual ou organizada, a formar parte activa dun medio de comunicación social independente e sen ánimo de lucro.

A fin de CUAC está relacionada coa creación, promoción e execución de todo tipo de actividades culturais, artísticas e recreativas e, en especial, aquelas que garden relación cos medios de comunicación.

A nosa misión é “dar voz a quen non a ten”: desenvolver e defender os dereitos á liberdade de expresión, o libre acceso á información e o dereito da cidadanía a acceder aos medios de comunicación.

A asamblea

A asemblea de CUAC escolle bianualmente a súa Xunta Directiva, que actualmente está conformada polos seguintes membros:

  • Presidenta: Paula Alonso Carracedo (Heima)
  • Vicepresidente: Miguel Anxo Facal Rodríguez (Recendo)
  • Secretario: José Roberto Ansede Rodríguez (El Desinformativo)
  • Tesoureira: María Jesús García Abeledo (Radio Sénior)
  • Vogal: Jorge Varela Pardo (EscapeMotor)
  • Vogal: Jorge Delgado (Nubes de Papel)
  • Vogal: Rodrigo Gil Cedillo (Xeración Bravú)
 
Cuac FM
Cuac FM

A radio comunitaria da Coruña

CUAC FM é unha radio comunitaria. Unha radio comunitaria é unha emisora privada, sen ánimo de lucro, que ten unha fin social: garantir o exercicio do dereito de acceso á comunicación e a liberdade de expresión da cidadanía.

Diríxese e débese á comunidade, cumpre unha finalidade social e está aberta á participación o máis ampla posible respecto á propiedade do medio e o acceso á emisión, así como ás diversas decisións de programación, administración, financiamento e avaliación, que non ten fins de lucro e que non realiza proselitismo relixioso nin partidista.

En CUAC FM participan persoas físicas e xurídicas, funciona dun xeito participativo e horizontal, a través da asemblea, das coordinadoras e dos grupos de traballo. Todo o que facemos en CUAC FM facémolo dende a colaboración e o voluntariado. Non hai xefes nin persoal contratado.

Unha actividade diaria, os 365 días do ano

CUAC vén desenvolvendo, dende o ano 1996, unha actividade de emisión radiofónica en directo e continuada os 365 días do ano, a través do dial 103.4 da FM e da web www.cuacfm.org. Nestes 29 anos de emisión, estamos a piques de acadar os 500 programas, sendo máis de 1.000 as persoas que fixeron radio e innumerables os convidados aos diversos programas. En CUAC FM nunca se ten rexeitado nin un só dos proxectos presentados para a súa emisión.

Traballamos en rede

CUAC FM é unha das radios comunitarias que, a nivel estatal, impulsaron a creación e consolidación, dende o ano 2005, da ReMC (Rede de Medios Comunitarios), desenvolvendo importantes funcións de asesoramento legal e representación institucional das radios comunitarias. CUAC é unha entidade socia de AMARC, a Asociación Mundial de Radios Comunitarias  e da súa filial europea, AMARC-Europa.