1x3 Radio Barrio Ágora

...

1x3 Radio Barrio Ágora

Programa de Cuac FM gravado o 24 de novembro de 2017 no Centro Cultural Ágora dentro do plan #CulturaDeBarrio da Concellaría de Culturas do Concello da Coruña coa colaboración do IMCE. Este programa foi posible grazas ás ideas e a coprodución de Carlos González, Manel Cráneo, Inés Cruz,  José Suárez e Ricardo Seixo. Ademais, foron as súas suxerencias as que deixaron claro o tema fundamental deste programa: A busca da felicidade. Case nada!

Empezamos o programa falando de literatura e xornalismo, dada a súa importancia na conformación da nosa realidade, asemade da influencia da dixitalización nestes campos, con Mercedes Queixas (escritora e secretaria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), Xosé Mexuto (director de Sermos Galiza) e María Nieto (xornalista e directora dunha axencia de comunicación).

Despois, Manuel Cráneo contou a incrible historia de O Malvado Cacadecán, un relato sobre viláns e heroes decotío na Gramela.

Logo tratamos a felicidade asociada ao transporte público, aos buses urbanos e a súa cobertura no barrio, xa que pasamos moito tempo desprazándonos dun lugar a outro e canto máis rápido e doado sexa, mellor nos sentiremos. Nesta ocasión,  foi o público asistente ao evento quen opinou e contou as súas experiencias.

A continuación aprendemos a buscar a felicidade a través do xogo Oasis, unha actividade cuxo obxectivo é a movilización comunitaria e a construción de soños colectivos, con Nati, facilitadora do xogo en Montealto.

Non podiamos deixar de falar da relación entre a música e a felicidade e, en xeral, da súa influencia nas nosas emocións. Fixémolo da man de Susana Pérez, clarinetista da banda Tomaccos (gañadora do XIX Concurso de Bandas de Cuac FM), quen tocou diferentes pezas para que o público contara qué sentimento lle provocaba.

Os movementos socias poden influir moito no benestar e felicidade da comunidade. Natalia Monje (Ecos do Sur) e Keké (Asociación Manicómicos) ilustráronnos sobre isto.

Despois debatemos o papel na felicidade da estabilidade no traballo con Xela Seixo (traballadora en precariedade), Carlos Sánchez González-Dans (empresario) e Victorino Pérez Prieto (filósofo e teólogo).

Rematamos falando da felicidade a nivel individual e a influencia nela das outras persoas e a sociedade, con Marta Casal (facilitadora), Victorino Pérez Prieto (filósofo e teólogo) e Carlos Sánchez González-Dans (empresario).

Durante todo o programa, escoitamos divertidos Proxectos para unha Coruña máis Cómoda e Feliz ideados por Inés Cruz, con aportacións de Bea Ulalume, e música CC de Akashic Records.

A choiva, que levaba moito tempo sen aparecer pola nosa cidade, fixo acto de presenza e foi comentada en varias ocasións en relación co tema do día.

E así rematamos, tan felices!

Presentado por Xian Lois Alcayde, Tomi Desastre e Roberto Catoira, con Mariano Fernández nos controis, Ozzy de Castro á rexiduría e a colaboración de Carlos Reguera. Producido por  Inés Cruz, Carlos González, Manel Cráneo, José Suárez, Bea Ulalume, Roberto Catoira, Tomi Desastre e Mariano Fernández. Fotos do evento de Carlos González aquí.

Podcast

Lista de programas

Fecha: 26 de Noviembre de 2017 a las 18:00

Programa: Radio Barrio

categoría: Sociedad y cultura

RSS:

Acerca de

https://cuacfm.org/

Redes sociales

Nuestra dirección

comunicacion@cuacfm.org

Esta página web funciona con RadioCo