Neste novo episodio “Desinformación nos medios de comunicación”, abordamos os fenómenos de desinformación no ecosistema mediático que están a socavar a confianza nas institucións e supoñen un risco para a democracia. Para afondar nas causas e nas consecuencias da proliferación de falsidades ou loiadas e de información manipulada nas redes sociais conversamos con tres investigadoras da Universidade da Coruña:
- Laura Morán Fernández, profesora da Facultade de Informática e Membro do Grupo de Investigación Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial (LIDIA)
- Irene González Martínez, profesora da Facultade de Dereito, investigadora no proxecto “Comunicación e publicidade dixital non discriminatoria para unha sociedade xusta e igualitaria”.
- Tamara Pazos Cordal, bióloga, neurocientífica e responsable de Comunicación e Divulgación Científica do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da UDC.
Contido do programa
As expertas da UDC debaten sobre as razóns e factores psicosociais e normativos que alimentan a proliferación de mentiras ou loiadas e a desinformación nos medios de comunicación. Un fenómeno amplificado polo auxe das redes sociais e a intelixencia artificial, que intensifican a capacidade de influencia sobre grupos especialmente vulnerables ás mensaxes falsas, con efectos prexudiciais que poden menoscabar a saúde física ou mental.
Así mesmo, entre os principais riscos as convidadas sinalan a afectación ao funcionamento democrático en contextos como o europeo, onde está consolidándose o discurso do odio, racismo e xenofobia, así como mensaxes conspiranoides ou negacionistas científicos.
O programa tamén pon o acento nas posibles solucións, estratexias e abordaxes para contrarrestar este fenómeno, como unha mellor alfabetización mediática e informacional da poboación, a adopción de boas prácticas comunicativas por parte dos propios divulgadores científicos ou a responsabilidade no uso das pantallas en poboacións vulnerables.
Fecha: 8 de Abril de 2025 a las 13:00
Programa: Onda Ciencia
categoría: Ciencia y medicina