O primeiro episodio desta nova tempada de ONDA CIENCIA leva por título "As Matemáticas están en todos lados" e servirá para abordar a temática das matemáticas, unha ferramenta esencial para alcanzar os obxectivos de desenvolvemento sostible recollidos na Axenda 2030 como a adaptación ao cambio climático ou o obxectivo n.º4 (“Educación de calidade” para todos).
Para afondar nas diferentes aplicacións prácticas das matemáticas dentro da UDC contamos con tres docentes especialistas nesta área, como son:
Raquel Taboada Vázquez, profesora do Departamento de Matemáticas da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos. É membro do Grupo de Investigación de Modelización e Resolución de Modelos, e profesora de Álxebra e Ampliación de Cálculo no grao de Enxeñaría de Obras Públicas. Como investigadora está vinculada ao Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAGA).
Benito Pérez López, profesor do Departamento de Economía da Facultade de Economía e Empresa. É membro do grupo de investigación en Transportes da UDC e está especializado en inferencia estatística e modelos econométricos aplicados á planificación do transporte e a mobilidade sostible".
Enrique De La Torre Fernández, profesor do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Facultade de Ciencias da Educación. É membro do Grupo de Investigación en Innovación en Ensinanza das Ciencias e das Matemáticas, foi director do Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa (CUFIE) dende 2009 a 2020.
Con estas tres persoas expertas conversaremos acerca da aplicación das matemáticas no eido da estatística, da análise Big Data e na importancia de ter unha boa base en matemáticas para avanzar nas carreiras universitarias. Abordamos tamén as competencias matemáticas das xeracións que están a entrar na universidade e as posibles causas e factores que interveñen na percepción de que a mocidade non ten una base científica e matemática suficiente para afrontar os estudos universitarios con éxito. Finalmente, debaterase acerca das diferentes metodoloxías docentes (flexibles/activas) empregadas polo profesorado para traballar estas competencias nos procesos de ensino-aprendizaxe.
O equipo técnico do programa é o seguinte:
- M.ª Cristina Naya Riveiro, na preprodución.
- Isabel Lema Blanco, na presentación e condución do programa.
- Mariano Fernández Cabarcos, no control técnico.
- Miguel Anxo Facal, na edición e difusión do programa.
Fecha: 18 de May de 2024 a las 10:00
Programa: Onda Ciencia
categoría: Ciencia y medicina