O xurado do XXII Concurso de Bandas e Solistas de CUAC FM xa fixo a selección de Finalistas da Batalla de bandas e elexiu á Mellor Banda Local.


Tras escoitar as cancións das máis de 60 bandas e solistas que se presentaron á XXII edición do Concurso de Bandas e solistas de CUAC FM o xurado composto por voluntarias e voluntarios dos diversos programas de CUAC FM, así como por persoas de medios de comunicación de traxectoria contrastada como son César Martín, director da Revista Popular 1, Belén Regueira, xornalista de varios medios galegos (Radio Galega, TVG…) e Pepe Cunha de Ábrete de Orellas, proxecto web e programa de radio, determinou que as bandas finalistas da Batalla de bandas serán: Young Forest de Madrid e Psychoducks de Oleiros.
Como suplentes, en caso de que algunha das duas bandas non poda actuar, quedou seleccionado Óscar Fojo de Ferrol.
A final da Batalla de Bandas estaba prevista para o 5 de decembro na sala Mardi Gras da Coruña. Non será posible manter a data debido á situación actual das Salas de concertos. Tentaremos fixar unha nova data o antes posible dentro do 2021 da que se informará a todas as partes implicadas e, por suposto, ao público que desexe asistir. Os premios consisten en 900 euros para a banda que resulte gañadora da Batalla e 800 para a segunda clasificada.
O premio á Mellor Banda Local é para  Adhara and Ritman.
O premio que recibirán é de 900 euros e inclúe o compromiso de actuar nun evento organizado polo Concello da Coruña que colabora económicamente con este concurso ou por CUAC FM en caso de decidilo así o concello.
Parabéns ás bandas e artistas seleccionados e grazas dende CUAC FM a todas as participantes. As cancións recibidas serán emitidas na emisora se así o desexan os diversos programas da mesma.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.