CUAC FM convocou o seu I Premio de Radioficción para guións radiofónicos de ficción en galego a comezos deste ano para conmemorar o 17 de maio, Día Das Letras Galegas. Os gañadores recibirán unha cuantía económica e os seus guións serán  producidos e locutados  por membros de CUAC FM. As radioficcións premiadas serán editadas en varios cds e emitidas na franxa horaria da radio comunitaria da Coruña.

Membros do xurado e secretario do I Premio de Radioficción CUAC FM, reunidos en Compostela. De esquerda a dereita: Armando Requeixo, Inma Otero e Lois Alcayde.

O ourensán Nee Barros e o coruñés Carlos Mirás son os gañadores desta primeira edición do I Premio de Radioficción CUAC FM. Nee Barros Fernández obtén o galardón pola obra “Conversas nocturnas” na Categoría Menor de Idade e Carlos Mirás pola obra “Violación de morada” na Categoría Adulta. Ambas obras están premiadas coa produción e locución dos seus textos por CUAC FM e emisión en franxa horaria, xunto coa edición de varios CDs, ademais dunha dotación económica: 150 euros para o gañador da modalidade menor de idade e 300 euros para o gañador da modalidade adulta.

O xurado, de entre os case 20 orixinais presentados, resalta a boa calidade, variedade temática e a inclusión nos guións de elementos sonoros como a música. Destaca das dúas obras gañadoras a súa destreza narrativa e o seu dominio dos códigos de expresión radiofónica e dos recursos da conversa e o diálogo, ben resoltos, áxiles e atractivos para os/as ouvintes xunto coa exploración de varios rexistros, dende a comedia ata o suspense, incluíndo tamén un elemento de orixinalidade e vangarda como é o emprego de recursos propios do metateatro. Os membros do xurado destacan así mesmo a variedade de rexistros lingüísticos que dotan de riqueza aos textos e o coidado posto na adaptación ao medio, cuns efectos sonoros e indicacións precisas do escenario e ambiente que permiten caracterizar a situación na linguaxe auditiva nuns diálogos vivos cunha atractiva e interesante plasmación radiofónica.

O xurado deste I Premio de Radioficción CUAC FM estivo formado por Ánxela Gracián, escritora e tradutoraInma Otero, crítica literaria e profesora e Armando Requeixo, crítico literario, investigador e Presidente do Xurado. Actuou como Secretario do Xurado, con voz e sen voto, Lois Alcayde Dans, escritor e Coordinador de Comunicación de CUAC FM.

 

A cerimonia de entrega de ambos galardóns celebraráse en A Coruña no vindeiro mes de xuño, con lugar e día aínda pendentes de confirmación.

 

NEE BARROS FERNÁNDEZ: Naceu en 2002 en Ourense, pero vive en Marín onde actualmente cursa 4º da ESO. Acadou varios premios de literatura entre os que se atopan o “I Certame de microrrelatos da RAG e Puntogal”, o “XIV Certame Literario do Concello de Ames” ou o “Premio Literario O Facho 2017” e en audiovisual; “O Museo de Pontevedra en Curtametraxes”. Escribe teatro, relatos no blog “Cuentos mal contados” http://www.cuentosmalcontados.wordpress.com e quere ser dramaturgo.

 

CARLOS MIRÁS AVALOS: Nado na Coruña o 18 de setembro de 1978. Exerce de profesor no Centro de Promoción da Autonomía Persoal de Bergondo onde imparte diferentes cursos a un alumnado con diversidade funcional. Durante 6 anos conduxo o taller de lectura dese centro do que da fe o seu blog lecturaenbergondo.blogspot.com . Escribe previas, análises e crónicas para a Cadena Ser e para outras páxinas web sobre o seu equipo local, o Leyma Básquet Coruña , exercendo tamén de comentarista técnico nas súas retransmisións a través de CanalFEV.tv. Declárase admirador do blues e do cinema clásico. Pai dun neno de 3 anos.

 

ACTA DO XURADO:Acta do xurado I premio de radioficcion CUAC FM

BASES DO PREMIO: Bases I Premio de Radioficción CUAC FM

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.