Gústache crear e escribir? Gústache escribir guións? Sempre fuches un amante da ficción audiovisual e encantaríache escoitar a túa obra reproducida… e escoitala pola radio?

CUAC FM, a radio comunitaria da Coruña, convoca o seu I Premio de Guións de Radioficción 2018 para todos os creadores e creadoras de calquera nacionalidade. Un premio concebido para honrar a lingua galega e conmemorar o Día das Letras Galegas, ademais de contribuír ao descubrimento de novas voces creativas de aquí e de alén xunto coas máis consagradas. A emisora local e comunitaria da Coruña continúa así co seu obxectivo de dinamizar a cultura radiofónica e de calidade literaria e promover o uso dos medios de comunicación por parte de toda a cidadanía.

O premio consta de dúas modalidades, unha modalidade Adulta e outra Menor de Idade. Ambos/as gañadores/as poderán ver producida e locutada a súa obra por expertos radiofonistas en CUAC FM, ademais da recompensa económica: a Modalidade Adulta está premiada así mesmo con 300 euros e a Menor de Idade, con 150. Os textos, escritos en lingua galega, deberán estar pensados cun mínimo de 5 minutos de duración en antena e un máximo de 10 minutos. O xurado do premio, integrado por diversos membros da cultura, comunicación e literatura galega, valorará a calidade dos textos e a súa adaptación ao medio radiofónico.

Queres saber máis info? Como o podes mandar? Bótalles un ollo ás nosas bases. Moita sorte!

 

A radio comunitaria de A Coruña CUAC FM, propiedade da Asociación Cultural Colectivo de Universitarios Activos, en compromiso co fomento da liberdade creativa e artística, a dinamización da lingua galega, o obxectivo de dar a coñecer novas voces no panorama radiofónico do país e alén e en promoción do uso do lexítimo dereito á comunicación e información nos medios por parte da cidadanía, convoca o I Premio CUAC FM de guións de radioficción 2018.

 

BASES:

1ª.-   Poderán participar todas as persoas que o desexen, de calquera idade e nacionalidade.

2ª.-  Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos, escritos en lingua galega e non poderán ser adaptacións. Deberán estar ademais libres de todo compromiso previo con emisoras de radio, televisión ou entidades semellantes.

3ª.- Establécense dúas modalidades de premio baseadas na idade dos/das autores/as.  Haberá un premio para o/a autor/a gañador/a menor de idade e outro para o/a autor/a maior de idade, escollidas polo xurado entre as obras presentadas. Unha vez escollidas, procederase á apertura da plica ou documento cos datos persoais e farase pública a autoría das obras gañadoras. O xurado reserva ademais para si a facultade de declarar deserto o premio.

O premio outorgado polo xurado na modalidade adulta constará de 300 euros.

O premio outorgado na modalidade para menores de idade constará de 150 euros.

As obras seleccionadas polo xurado emitiranse en CUAC FM e editaranse 100 CDs que conterán as dúas obras gañadoras. Cada gañador/a recibirá, ademais, 10 CDs.

4ª.-  Os traballos adoptarán o formato de guión radiofónico dramático, de radioficción. Estarán calculados para que a súa duración en antena sexa dun mínimo de 5 minutos e un máximo de 15 minutos e serán de temática libre. As/os autoras/es poderán utilizar, coas indicacións pertinentes, cantos recursos radiofónicos consideren necesarios para que o texto sexa realizado de maneira axeitada: música, planos sonoros, efectos, etc. O director ou directora das dramatizacións radiofónicas gañadoras poderá facer as adaptacións necesarias para a súa realización e emisión. Cómpre ter en conta que as obras serán emitidas nas distintas franxas horarias, tamén en horario infantil.

5ª.-  Os traballos deberán ser presentados baixo pseudónimo ou lema. Non se admitirán máis de dous guións por autor/a e de cada obra.

As/os autoras/es poderán realizar o envío de orixinais por unha destas dúas vías:

 

  1. Mediante correo electrónico, enviando en dous correos diferentes e de xeito consecutivo, poñendo en ambos o seguinte asunto: Nome da obra + Pseudónimo + Modalidade (Adulta ou Menor de Idade). No segundo correo engadiraselle ao asunto a palabra  “Datos”.  O primeiro correo levará o arquivo co orixinal en PDF asinado só co lema ou pseudónimo e no segundo correo enviarase un arquivo en PDF, onde debe aparecer o seu pseudónimo, nome, apelidos, número de teléfono, data de nacemento e número do seu documento de identidade (DNI). O correo electrónico onde se debe facer o envío de orixinais é radioficcioncuac@gmail.com Unha vez feitos os envíos CUAC FM mandará a través do mesmo enderezo electrónico unha mensaxe instantánea de confirmación de que os documentos foron recibidos correctamente.

 

  1. Por correo postal. Será por sistema de plica, os/as que o desexen facer por esta vía deberán incluir nun mesmo envío 3 copias do orixinal impreso, en letra Times New Roman 12, debidamente encadernado ou grampado e, nun sobre pechado, un documento co nome, apelidos, copia do documento de identidade (DNI), enderezo postal, correo electrónico e número de teléfono do autor/a. Nese sobre pechado deberá estar escrito por fóra o lema ou pseudónimo do autor/a, o título da radioficción e a modalidade á que se presenta, adulta ou menor de idade. Os traballos faránse chegar por correo ó seguinte enderezo: CLOUDPRINT Rúa Panaderas, 4, 15001, A Coruña (A Coruña) Deberá sinalarse no exterior do sobre de envío que é para o “ I Premio de Radioficción CUAC FM”. Conservaranse durante un mes a partir da data na que se faga pública a resolución do xurado, tras o remate deste prazo serán destruídos.

 

6ª.- O prazo de admisión de orixinais comezará o 15 de febreiro e rematará o día 15 de abril de 2018, admitiranse todos os envíos realizados ata a devandita data, esta inclusive. As obras gañadoras e os nomes dos/as autores/as faranse públicos antes do 17 de maio, Día das Letras Galegas.

7ª.– O xurado estará integrado por profesionais de recoñecido prestixio do ámbito da lingua e literatura galega, da crítica literaria e da comunicación. O xurado valorará especialmente a calidade literaria e dramática das obras e a súa adaptación ó medio radiofónico.

8ª.-  As/os autoras/es comprométense a autorizar a dramatización e emisión por CUAC FM das obras presentadas, de seren estas seleccionadas, así como a súa edición en CD e a súa publicación na web da emisora e nas aplicacións para dispositivos móbiles. A tal fin as/os autoras/es premiados e finalistas ceden a CUAC FM os dereitos de comunicación pública, reprodución e distribución precisos para a posta en antena da obra e a súa primeira edición en disco compacto.

9ª.– Os premios están suxeitos ás retencións legalmente establecidas e serán entregados nas instalacións das que dispón a emisora na Coruña, no enderezo de rúa Olmos 16, 1º  ou na propia sede da emisora na rúa Lisboa, 8 (Campus da Zapateira) nun acto público aberto a todo o que desexe asistir.

10ª.– O feito de concursar supón a aceptación destas bases, que poden ser consultadas na web Cuacfm.org.

11ª.- En caso de que calquera persoa detecte algún tipo de plaxio ou incumprimento das presentes bases poderá presentar unha reclamación no correo radioficcioncuac@gmail.com e será estudada no menor prazo posible e, resolta a mesma, será informada a persoa que presentou a reclamación da decisión tomada ao respecto.

 

Todo o devandito exponse para coñecemento público na Coruña a 15 de febreiro de 2018.

 

BASES EN PDF:

Bases I Premio CUAC FM de Guións de Radioficción

 

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.