Pleno no que se aprobou a moción de apoio a CUAC FM no Concello da Coruña o 7 de marzo de 2016.

Pleno no que se aprobou a moción de apoio a CUAC FM no Concello da Coruña o 7 de marzo de 2016.

O Pleno Municipal reunido o luns 7 de marzo de 2016, aprobou a moción de apoio ós medios comunitarios e en particular a emisora comunitaria da Coruña, CUAC FM.

Na sesión interviron José Manuel Sande (Marea Atlántica), Avia Veira (BNG-AA) e Fito Ferreiro (PSdG-PSOE). O Partido Popular manifestou a súa abstención. A moción de apoio foi presentada polo  grupo municipal da Marea Atlántica e contou co apoio do Partido Socialista da coruña e polo BNG-Asambleas Abertas. O Partido Popular decidiu absterse na votación.

Dende CUAC FM agradecemos o apoio do pleno da Corporación Municipal á labor que se desenvolve CUAC FM como medio comunitario que garante o acceso da cidadanía aos medios comunicación social.

Esta moción coincide co 20º aniversario da emisora comunitaria da Coruña. CUAC FM comezou as súas emisións (en probas) un 8 de marzo de 1996. O 27 de marzo foi a inauguración oficial. 

Está dispoñible o audio coas participacións dos diferentes grupos municipais e a votación coa conseguinte aprobación da moción.

 

Os fins desta moción son reivindicar das institucións competentes na materia a debida dilixencia no desenvolvemento da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual no que atinxe aos medios comunitarios, e facer unha declaración institucional de apoio a CUAC FM, a radio comunitaria de A Coruña, polo seu labor no eido da alfabetización mediática, o vertebramento do tecido asociativo, a dinamización social e cultural e a especial atención ós colectivos desfavorecidos e á sociedade civil organizada. Tamén pola súa contribución ao Terceiro Sector da Comunicación impulsando a Rede Galega de Radios Libres e Comunitarias, e a Rede de Medios Comunitarios, a entidade estatal máis representativa do sector, cuxa sede está na nosa cidade.

A moción solicitaba ó Concello da Coruña o seguinte:

  1. Que inste a Administración Xeral do Estado, nomeadamente a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade de Información (SETSI), a habilitar o dominio público radioeléctrico necesario para a prestación dos servizos de comunicación audiovisual comunitarios (art. 32 LGCA). Prevendo distintos ámbitos de coberturas (local, autonómico e estatal) nos distintos soportes (radio e televisión); dando resposta ás solicitudes realizadas polas CC.AA que requiren frecuencias para adxudicar ás entidades que solicitan licenzas de Servizos de Comunicación Audiovisual Comunitarios. E a que establezan o procedemento de concesión de licenzas para os Servizos de Comunicación Audiovisual Comunitarios previsto na DT 14º  da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, que xa chega con máis de catro anos de atraso.
  2. Que solicite do Ministerio de Industria e Enerxía os medios de apoio e liñas de financiamento para o desenvolvemento de servizos da sociedade da información sen finalidade lucrativa en cumprimento da Disposición Transitoria 15º da Lei 56/2007, de 28 de decembro, de Medidas de Impulso da Sociedade da Información.
  3. Que reclame da Xunta de Galicia o cumprimento de xeito real, actual e efectivo do artigo 19 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos; a Declaración de Maputo sobre Promover a Liberdade de Expresión, o Acceso á Información e a Emancipación das Persoas; as recomendacións na materia dos Relatores Especiais para a Liberdade de Expresión da ONU e da OSCE (que recomendan o reparto equitativo do espectro radioeléctrico entre medios públicos, privados comerciais e comunitarios); así como a Declaración do Comité de Ministros do Consello de Europa sobre o rol dos medios comunitarios para promover a cohesión social e o diálogo intercultural de 2009; a Resolución do Parlamento Europeo de 25 de setembro de 2008 sobre os medios do Terceiro Sector da Comunicación; os artigos 20.1 apartados a) e d) da Constitución Española; o artigo 4 da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual; e a sección terceira do Decreto da Xunta de Galicia 102/2012. Normas e declaracións todas elas coincidentes no papel socialmente beneficioso e imprescindible que xogan os medios do Terceiro Sector da comunicación.
  4. Que solicite da Secretaría Xeral de Medios da Xunta, e da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, unha reserva de espazo radioeléctrico suficiente, e unhas licenzas de emisión que garantan unhas condicións dignas de prestación dos servizos audiovisuais comunitarios sen ánimo de lucro, en igualdade cos outros operadores, e tendo en conta as peculiaridades do Terceiro Sector da Comunicación.
  5. Que faga unha declaración institucional de apoio a CUAC FM, a radio comunitaria de A Coruña, polo seu labor no eido da alfabetización mediática, o vertebramento do tecido asociativo, a dinamización social e cultural e a especial atención ós colectivos desfavorecidos e á sociedade civil organizada. Tamén pola súa contribución ao Terceiro Sector da Comunicación impulsando a Rede Galega de Radios Libres e Comunitarias, e a Rede de Medios Comunitarios, a entidade estatal máis representativa do sector, cuxa sede está na nosa cidade.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.