CUAC FM leva moitos anos empregando Software Libre para realizar a súa defensa do dereito da comunicación. Na tarde do  xoves 22 de outubro compartiremos na “I Xornada de boas prácticas con Software Libre nas ONGs e Entidades de Acción Social”  como facemos radio sacando proveito de diferentes  programas de software libres que nos axudan na creación, produción, publicación e transmisión na nosa emisora de radio.

Esta xornada está organizada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e ten  lugar na Cidade da Cultura en  Santiago de Compostela. A inscrición é aberta e de balde.Xornada de boas prácticas con Software Libre nas ONGs entidades de acción social

Isabel Lema (@sabelabranco) e Chema Casanova (@txenoo) impartirán unha palestra titulada Software libre nunha Radio Comunitaria: o caso de CUAC FM” na que explicaran como unha radio comunitaria, como emisora emisora privada sen ánimo de lucro que ten un fin social garante o exercicio do dereito de acceso á comunicación e a liberdade de expresión da cidadanía.

O contido do relatorio será util para todas aquelas persoas ou entidades sociais que estean interesadas na creación de contidos audiovisuais. Así mesmo farase un percorrido, “a nivel usuario”, das tecnoloxías que nos permiten emitir a través de internet e da nosa páxina web.

O Software Libre é unha das tecnoloxías principais da infraestrutura de  CUAC FM que nos permite emitir a través de Internet (Icecast), realizar  labores de edición de son (Audacity), ter unha presenza web en internet (WordPress), editar documentos de texto (LibreOffice e Scribus) ou compartir os nosos arquivos internamente (Owncloud). CUAC FM ten migrado nos últimos dous anos ós seus servizos a unha infraestrutura GNU/Linux así como parte dos seus equipos de escritorio.

CUAC FM ten colaborado no desenvolvemento de Software Libre como é o caso do Sistema de gravación automática RadioCo elaborado para CUAC FM por Iago Veloso (traballo fin de grado da Enxeñaría Informática).

Neste relatorio presentarase a experiencia de CUAC FM no uso de ferramentas libres, que ten permitido as persoas asociadas traballar dende a casa co mesmo software que empregan na emisora e evitando os custes de licenza.

Así mesmo co obxectivo de que sirva para outras entidades do terceiro sector contaremos os fitos que temos superado, as principais problemáticas que nos temos atopado e os retos que temos pensado para o futuro.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.