CUAC FM Ciencia na rúa 2015

CUAC FM Ciencia na rúa 2015

20 ANIVERSARIO DO DÍA DA CIENCIA NA RÚA (2015)

Benvidos e benvidas, por terceiro ano consecutivo, ao programa especial de CUAC FM adicado ao día da Ciencia na Rúa 2015. Cando se cumpren 20 anos desta maravillosa iniciativa, CUAC FM celébrao como mellor sabe facer, cun programa en directo, dende o parque de Santa Margarida, e conversando, durante 3 horas ininterrumpidas, cos verdadeiros protagonistas da xornada: investigadores e científicas, profesorado e alumnos e alumnas, que nas máis de 40 jaimas, presentaron o 9 de maio de 2015 os seus experimentos científicos á cidadanía coruñesa.

Un programa presentado por Isabel Lema e Samuel Sánchez Cao. No traballo de rexiduría estiveron Mónica Alonso e José Lemur. No apartado técnico, Alex Cortiñas, Sr. Iverson e Chema Casanova. Os nosos reporteiros dicharareiros foron Rubén “Orión” e Paula Veira. No traballo de documentación e producción estiveron Bea Ulalume e Gema Millán.

Os nosos entrevistados:

Presentación e Entrevista ao MUNCYT

Comezamos o noso programa cunha interesantísima entrevista coas directoras do Museo da Ciencia e da Tecnoloxía (MUNCYT), concretamente coa directora Marián del Egido e a coordinadora de sede, Ana Correas Galán coas que falamos do 40 aniversario dun fito tecnolóxico que cambiou a nosa visión do cinema, o vídeo Betamax!

Grupo de Estudio dos Animais Salvaxes (GEAS)

O noso segundo convidado da mañá foi o presidente do Grupo de Estudio dos Animais Salvaxes, G.E.A.S., Xosé Pardavila, con quen falamos do imprescindible que é que coñezamos a fauna e fora das terras e mares de Galicia.

Colexios Montespiño e Santo Domingo (A Coruña)

Elena e Almudena, alumnas do Colexio Montespiño nos falan do experimento que presentan na súa jaima, onde nos preguntan Ónde está a xeometría? A nosa reporteira Paula estivo con catro alumnas do colexio Santo Domingo, Raquel, Laura, Sara e Laura que viñeron ao día da ciencia na rúa cun experimento chamado “caracteres mendelianos”.

Déborah García Bello e IES David Buján de Cambre

Entrevistamos tamén a Déborah García Bello, premio Bitácoras 2014 ao mellor blog científico, que nos avaliou a calidade dos proxectos presentados este ano. Falamos de educación e ciencia e sobre como “enganchar” aos rapaces no gusto polo coñecemento, dende o traballo das aulas.
Coa colaboración de Débora, entrevistamos tamén a dúas alumnas do IES David Buján de Cambre, Nuria e Andrea, que nos viñeron falar dun experimento no que está en xogo o noso olfato: cheiran os perfumes igual en todas as persoas? Nuria e Andrea viñeron acompañadas do seu profe de ciencias, Jose Viñas e tamén de Noe e Uxía, que nos falaron do exitoso experimento sobre os clicles que as levará a Brasil. Se queredes saber máis, só tedes que escoitar a entrevista.

Instituto de Investigación Biomédica da Coruña

Joana Magallanes e Eva Poveda son investigadoras do INIBIC, o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, no que 300 persoas do CHUAC e da UDC desenvolven novedosas técnicas de biomedicina que veñen a beneficiar a calidade dos tratamentos dos pacentes do CHUAC e do resto do Estado. Con elas falamos na necesidade de investir en ciencia e da aplicabilidade inmediata que ten toda a investigación que desenvolven no INIBIC.

IES de Elviña e Instituto Oceanográfico da Coruña

Zintia, Ismael e Leo, xóvenes científicos do IES de Elviña, amosáronos as diferencias entre peso e masa e sobre os traballos científicos que desenvolven no seu centro. Estes rapaces son capaces de medir o peso cunha panca baseada na balanza romana e tamén trouxeron un billar elíptico co que estudar as propiedades da elipse.
A continuación, mantivemos unha interesantísima conversa con Santiago Parra, director do Instituto Oceanográfico da Coruña, con quen falamos da sustentabilidade dos recursos pesqueiros, especialmente daqueles máis próximos ás nosas costas, e das tarefas de descontaminación de fuel como as que se están a facer nas costas canarias, por mor dos recentes verquidos.

CPI Otero Valcarce, Asociación Galega de Xadrez, BRICOLABS e IES Maristas

No día da ciencia na rúa 2015 homenaxeouse co Premio Luís Freire 2015 na categoría de primaria ao CPI Otero Valcarce de Carral, por un curioso experimento científico que demostrou que “A luz pon verdes ás patacas brancas”. Laura, Alex, Paula, Marta e Hugo, acompañados pola súa profe, nos explicaron como chegaron ata tal resultado científico.
Os noso reporteiro Rubén entrevistou a Florencio, da Asociación Galega de Xadrez, que nos explicou o traballo que desenvolven durante todo o ano.

Falamos tamén con Pedro García, da asociación BRICOLABS, que naceu coa filosofía de divulgar as tecnoloxías abertas e que presentou no día da ciencia os seus últimos robots, impresoras 3D e hardware libre que chamou a atención de nenos e adultos.
Paula troúxonos as testemuñas de Claudia, Carlos e Ana, de 1º de Bacharelato de Maristas, que nos presentaron o experimento “a árbore da vida”, a evolución dende a célula Luca ata os cen millóns de especies que poblan a terra.

Asociación Amigos da Ciencia na Rúa: unha sorpresa para Javier Novelle, en directo!

A última, pero mais emocionante entrevista na xornada tivémola con Javier Novelle, presidente da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias que, en directo na sintonía de CUAC FM, foi homenaxeado polos seus compañeiros da Casa das Ciencias e polos organizadores do evento. Cantámoslle un merecido cumpreanos feliz por estos 20 anos de día da ciencia na rúa, xunto co seu novo “cabezudo”. Samu e Isa emocionáronse tamén con Novelle, toda unha sorpresa!

Despois desta despedida so nos queda dicir… Ata o ano que ven!

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.